A Praza Maior acollerá este domingo "pon unha foto na rúa" de Potiños, na que os Pulpeiros do Carballiño-Arcos invitarán a pulpo ás persoas participantes

19, Maio 2022

A xornada mundial "Pón unha foto na rúa" será este ano unha xornada xenuinamente carballiñesa, coas pulpeiras e pulpeiros do Carballiño-Arcos e o o pulpo á feira como protagonistas. Será este próximo domingo dia 22, en horario de 11 a 14:30 horas, na Praza Maior do Carballiño. 

A asociación pulpeira ubicará unha carpa coa súa caldeira para cocer o pulpo e os fotógrafos e fotógrafas da asociación "Potiños" farán unhas 200 fotografías aos voluntarios que se acheguen para colaborar con esta xornada, todos os que o fagan serán invitados a unhas talladas de pulpo á feira.

Manolo Blanco, presidente de Potiños, recordou que as fotografías serán despois regaladas ás persoas participantes, e en contraprestación a esta colaboración realizarán un traballo fotográfico de colaboración coa asociación de pulpeiros do Carballiño-Arcos, aportando fotografías de calidade de todos os seus asociados para configurar a nova páxina web deste colectivo.