Preto dun cento de persoas participaron no Roteiro Emilia Pardo Bazán e recibiron a reedición que realizou o Concello de “El Cisne de Vilamorta”. Recoñeceuse a aportación da mestra Mercedes Taboada á cultura local.
O Carballiño volveu a render homenaxe a Emilia Pardo Bazán. Preto dun cento de persoas participaron no Roteiro que leva o nome da escritora e que promoven o colectivo de mestres, en colaboración co Centro de Estudos Chamoso Lamas e o Concello do Carballiño.
Os asistentes foron recibidos na Casa Consistorial polo alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, nun acto no que tamén se recoñeceu a aportación da mestra Mercedes Taboada á cultura da vila. Foi ela quen antes de falecer a causa dunha grave enfermidade promoveu o roteiro e o seu marido, o mestre Carlos Fernández, recibiu un agasallo de mans do rexedor municipal.
Na organización deste Roteiro en homenaxe a Emilia Pardo Bazán, o colectivo de mestres contou coa colaboración de membros do Centro de Estudos Chamoso Lamas como Carlos Rodríguez, Carlos Rodríguez, Carlos Montes, Xosé Luís Sobrado, Ana Gordín ou Juan Rodríguez.
Esta iniciativa cultural estendeuse durante todo día e centrouse nos espazos que formaron parte da vida de Emilia Pardo Bazán e na súa obra “El Cisne de Vilamorta”. Precisamente, coa obra reeditada polo Concello do Carballiño foron agasallados os asistentes ao Roteiro. Pola mañá realizouse unha visita ao casco urbano e, xa pola tarde, percorréronse Banga e Cabanelas.