Procesións, conferencias e unha exposición na Semana Santa da Cofradía da Veracruz
A Semana Santa do Carballiño terá a súa propia “madrugá” na noite do xoves. Será unha procesión que partirá do Asilo ás 23,30 h., e rematará no templo da Vera Cruz despois de recorrer as rúas céntricas da vila. Destaca o paso do Noso Señor da Sentencia, que irá custodiado por un escuadrón romano.
Esta é unha das novidades que ofrece o intenso programa relixioso-cultural organizado pola Cofradía da Vera Cruz, que foi presentado no centro comercial Ponte Vella de Ourense, coa asistencia do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o obispo de Ourense, Leonardo Lemos e o cofrade maior Rafael Melero. Ao acto tamén asistiron o párroco do Carballiño, José Benito Sieiro; o voceiro do grupo municipal do PP, Argimiro Marnotes, concelleiras do grupo de goberno e do PP, e cofrades da Vera Cruz.
Catro procesións, catro conferencias e unha exposición conforman este programa, que comeza o sábado, 12 de marzo, e remata o venres, 25. Haberá catro precesións: O traslado da Nosa Señora das Doores, dende a igrexa parroquial de San Cibrao ao templo da Veracruz, o venres, 18; A de Ramos, co mesmo recorrido, o 20 de marzo; A do Xoves Santo, dende o Asilo á Veracruz, e a tradicional “Dos Caladiños” o Venres Santo, con saída e chegada no templo da Veracruz. Estas procesións contarán coa participación dun elenco importante de agrupacións musicais e de canto. Concretamente, intervirán a Banda Municipal de Música do Carballiño, a Banda-Escola de Gaitas do Carballiño, a Banda de Gaitas REDEGAITA, vinculada á banda de gaitas da Deputación, e a Banda de Gaitas de Tui. Asemade, cóntase coa participación do Coro de Voces Brancas do Orfeón Unión Ourensana e dos Nenos Cantores da Capela Madrigalista de Ourense”, así como do Orfeón do Carballiño. Na procesión “Dos Caladiños” destaca a participación do grupo Alfonso Medela Trío, acompañados coas voces de Maribel López, Almudena Mosquera, Samino Otero, Emilio Rodríguez e José Luis Reza, do Orfeón do Carballiño, que interpretarán unha versión dun Nocturno de Frédéric Chopin.
Rafael Melero, cofrade maior, sinalou na presentación que o pograma conxugaba arte, historia e tradición, cunha importante vertente cultural e de innovación. Francico Fumega, alcalde do Carballiño, destacou o esforzo que realizaba o colectivo da Cofradía da Vera Cruz para programar unha Semana Santa vistosa e atractiva, e non só dende o punto de vista relixioso senón tamén cultural e turístico.
No mesmo sentido pronunciouse o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, dicindo que a Deputación, como institución, ten a obriga de apoiar a outras institucións e entidades que promoven iniciativas de interese cultural, turístico e relixioso.
E, finalmente, o obispo, Leonardo Lemos, situou ao Carballiño como referente do que se pode facer traballando xuntos, e ensalzou o programa proposto, por aunar arte, cultura e fe, que son, segundo dixo, os alicerces da alma do noso pobo.
O programa comezará o sábado, 12 de marzo, coa inauguración no templo da Vera Cruz da exposición “Colección de Medallas e Escapularios de Cofradías e Irmandades de Semana Santa de España”, que terá lugar ás 12,00 h. E pola tarde, terá lugar a conferencia inaugural, que será impartrida por José Manuel García Iglesias, catedrático de Hª da Arte da Universidade de Santiago.