As procesións da "Sentencia" e "Os Caladiños" fan do Carballiño a referencia da Semana Santa na provincia
A Cofradía da Veracruz tan so espera xa a colaboración do tempo, para favorecer a celebración das dúas grandes procesións da semana santa carballiñesa.
A procesión da Sentencia e A Misericordia, que se celebrará na medionoite deste Xoves Santo, está a suscitar certa expectación pola novidade no acompañamento do paso do Noso Señor da Sentencia, que irá custodiado por un escuadrón romano. Cantarán Almudena Mosquera, Emilo Rod´riguez e Maribel López, e contará co acompañemento musical dunha banda chegada dende O Ferrol. Abrirá filas a Cruz Franciscana de Santa María de Mesego.
Asemade, destaca o feito de celebrarse na medianoite, secundando a coñecida como “madrugá” sevillana, onde teñen lugar as procesións de máis sona no mundo. A procesión partirá do Asilo e recorrerá as rúas Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Praza Maior, Aldara, dos Canteiros e Antonio Palacios, ata o templo da Veracruz, onde remata.
Nas rúas que non son peatonais prohibirase o aparcamento nas horas previas, e quedarán cortadas ao tráfico durante a procesión. Ademáis pídese a colaboración da hostalería para que retiren as mesas e as cadeiras e recollan os toldos das terrazas por onde pase a procesión.
A procesión que se prevé máis multitudinaria e que ten un recorrido máis longo é a do Venres Santo, coñecida como a dos “Caladiños”.
Esta procesión partirá ás nove da noite do templo da Veracruz e recorrerá as rúas Evaristo Vaamonde, Conde Vallellano, Aldara, Cesáreo Tizón, Vulcano, Tomás María Mosquera, Praza Maior, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Antonio Palacios.
Nas rúas que non son peatonais prohibirase o aparcamento dende as horas previas á procesión e quedarán cortadas ao tráfico durante todo o recorrido. Esta procesión, que ten tres pasos (María Magdalena, Cristo Xacente e Virxe das Dores), contará nesta ocasión cun remate musical moi novidoso. Trátase da interpretación dun nocturno de Chopin pola formación Alfonso Medela Trío e as voces de Maribel López, Almudena Mosquera, Samino Otero, Emilio Rodríguez, José Luis Reza e o Orfeón do Carballiño. Asemade, durante a procesión, o paso da Doorosa irá acompañado pola banda de gaitas Redegaitas, da Deputación Provincial de Ourense, e da banda de gaitas de Tui.
O concello agradece a colaboración veciñal e dos hostaleiros para permitir que estas procesións se poidan desenvolver nas mellores condicións posibles. Asemade, pide disculpas polo cambio provisional da ubicación dalgúns contenedores de lixo, que dificultan o paso das procesións.