"Pulpeiriña do Arenteiro", a nova banda sonora da festa do pulpo, estréase este sábado na Praza Maior

13, Xuño 2017

A cantiga “Pulpeiriña do Arenteiro”, considerada como un Himno da Festa do Pulpo, estrenarase este próximo sábado, 17 de xuño, nun acto que terá lugar ás 12 do mediodía na Praza Maior. Neste evento intervirán un cuarteto de gaitas e pandereta da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e o Orfeón do Carballiño.

Será o primeiro acto no que se presente en público esta cantiga composta por Xosé Luis Foxo e Felipe Senén, autores da música e a letra, respectivamente.

O acto, que terá unha duración aproximada de 30 minutos, comezará coa interpretación dunha peza musical a cargo do cuarteto da Real Banda de Gaitas. A continuación o Orfeón do Carballiño interpretará tres cancións populares galegas do seu repertorio (Negra Sombra, A Rianxeira e o Galo comadre). E finalmente, todos xuntos interpretarán a cantiga da Pulpeiriña do Arenteiro, que pechará o acto.

Previamente, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e Xosé Luis Foxo, farán unha breve presentación do evento.

O acto desenvolverase ao aire libre pero baixo unha carpa que se instalará na parte superior da Praza Maior para ter sombra.

EDICIÓN DO CD

Por outra parte, xa está na imprenta o CD que edita o concello do Carballiño para dar a coñecer esta cantiga, e como promoción da LV Festa do Pulpo, e que contén outras cancións interpretadas pola Real Banda de Gaitas de Ourense. Este CD inclúe dous libriños con fotografias antigas de pulpeiras e da Festa do Pulpo, asi como un artigo de Felipe Senén sobre “Músicas e cantares no Carballiño”. A gravación da cantiga realizouse no auditorio municipal coa intervención do gaiteiro Marco Foxo, a pandereteira Cristina Pumar e a Coral Polifónica do Casino do Carballiño.

Está previsto presentar o CD a finais deste mes de xuño.