Quads e Deportivos de Alta Gama concentraránse este sábado 25 de Maio no Carballiño
A I Xuntanza de Quads O Carballiño congregará o próximo sábado, 25 de maio, a 60 quads de toda Galicia.
O evento foi presentado este mediodía na Praza Maior coa asistencia do concelleiro de Deportes, Manuel Dacal, e os organizadores José Antonio Lama, Juan Carlos Fernández e Héctor Nogueira.
A xuntanza, que non ten carácter competitivo, transcorrerá por rutas de montes dos concellos do Carballiño, Boborás e Bearíz. A cita será ás 9 da mañá na Praza da Veracruz, a continuación levarase a cabo o itinerario previsto que concluirá no Carballiño, onde os participantes celebrarán un xantar de confraternidade.
Os quads permanecerán expostos na Praza da Veracruz desde as 16,00 ás 18,30 h. Os quads proceden de toda Galicia e, según Juan Carlos Fernández, tiveron que pechar as inscricións ao terceiro día porque sobrepasaban o número de participantes previsto, que era de cincuenta.
Incluso, asegurou que podería haber ata cen participantes, pero que non o consideraron conveniente desde a organización. Tanto Juan Carlos como José Antonio Lama e Héctor Nogueira decláranse afeccionados a este tipo de vehículos de motor desde hai moitos anos, e organizan esa primeira xuntanza co obxectivo de dar a coñecer O Carballiño e a comarca, e aproveitar para pasar un día de lecer practicando este deporte en contacto coa natureza.
Así mesmo, agradeceron a colaboración do concello. Manuel Dacal tamén agradeceu a organización deste evento que dinamiza o turismo do Carballiño e o converte nun lugar idóneo para calquera práctica deportiva, como esta dos quads, e máxime, según dixo, cando esta fin de semana tamén terá lugar a concentración de coches superdeportivos así como un torneo de futbol sala no pavillón de deportes, o que garante a presencia de moito público na vila.
Doutra parte, tamén o sábado 25 de maio terá lugar a IV concentración de Superdeportivos Villa do Carballiño, que reunirá nas proximidades da Praza Maior do Carballiño a preto de cen coches de alta gama. Trátase dunha cifra récord neste evento, que foi presentado ao mediodía coa asistencia do concelleiro de Turismo e Deportes, Manuel Dacal, e os promotores da concentración, Santiago Pereira e Jorge Coca.
Para que non haxa dúbida da calidade dos vehículos desta concentración, durante o acto de presentación exhibíronse tres coches deportivos de alta gama: un Porsche, un Mercedes e un BMW de última xeración. Ademais, a esta edición acudirán por primeira vez integrantes do Club Soportal de Asturias, o que dá conta da proxección que está a ter este evento mesmo fóra de Galicia, segundo dixo Santiago Pereira.
Pereira tamén explicou o programa, que comezará o sábado 25 de maio ás 10,00 h., continuará a partir das 12,30 h., por un roteiro secreto da comarca; logo será a comida nunha carpa da Praza Maior ás 15,00 h., e pola tarde quedarán concentrados de novo os coches na Praza Maior.
Tanto Santiago Pereira como Manuel Dacal anunciaron a presenza de figuras moi coñecidas, e resaltaron o elevado custo dos vehículos participantes, que vai desde os 50.000 euros aos 500.000 euros. Mesmo pode acudir un coche que está valorado en 600.000 euros, segundo afirmaron.
Manuel Dacal agradeceu esta iniciativa, que atrae moita atención pola espectacularidade dos vehículos, e que é un incentivo turístico máis para O Carballiño. Por iso, felicitou aos organizadores.