Qué facer esta fin de semana na comarca ? Cine e Teatro no Carballiño e Leiro e 1º Serán do Outono no Irixo.
Este venres 20 de outubro o Cine Club Carballiño proxecta a película italiana "Las ocho montañas", gañadora do Premio do Xurado no Festival de Cannes, 4 premios Donatello do cinema italiano, Mellor fotografía na Seminci de Valladolid...e unha magnífica acollida entre o público, tanto no seu país como fora del. O filme céntrase na amizade ao longo do tempo de Pietro, que vive na cidade, e Bruno, un mozo dunha aldea de montaña. Unha película chea de lirismo que acaba por converter á montaña e á natureza nun personaxe máis. Baseada na novela homónima de Paolo Cognetti, aproveitaremos para sortear dous exemplares da mesma, coma sempre en colaboración coa Libraría Escolma. Os pases serán ás 20:00 horas en sesión dobrada ao castelán e ás 22:30 en VOS, no Auditorio do Carballiño.
TRES PELÍCULAS NO NOVO CINE DE LEIRO
Na carteleira do Novocine de Leiro destaca a estrea da pelicula galega "O Corno", triunfadora no recentemente celebrado Festival de San Sebastián. A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás (Premio ‘El Ollo Crítico’ de Danza 2021 de RNE), no que é o seu debut no cinema, e conta na súa repartición con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido ('As Bestas'), entre outros. Está rodada en galego en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese obrigada a fuxir a través dun roteiro de contrabandistas.
Completan a carteleira desta fin de semana a tamén película galega "O home e o can" e o filme de animación "La patrulla canina". Os horarios para as tres películas son os que podes ver no cartaz que ilustra esta información.
A MOSTRA DE TEATRO AMADOR OFRECE DOBLE OFERTA TEATRAL, SÁBADO E DOMINGO
A Mostra teatral que organiza Tiruleque continúa coas súas representacións durante este mes. Esta fin de semana con doble oferta ás 20:00 horas no auditorio do Carballiño.
Dunha parte, coa comedia VECIÑOS de A Tequerreté de Teo, este sábado, día 21, unha comedia de 80 minutos de duración para un público a partir dos 14 anos.
O domingo 22, outra comedia AGÁRDAME NO CEO de Namarella Teatro de Verín, un espectáculo de 90 minutos de duración e apta para todos os publicos.
1º SERÁN DO OUTONO NO IRIXO
A Banda de Gaitas e Danzas do Irixo organiza este sábado dia 21 o 1º Serán do Outono que terá lugar no Polideportivo Municipal do Irixo. A partir das 19:00 horas comezará un obradoiro de baile tradicional gratuíto, seguido desde as 20:00 horas das actuacións das agrupacións "Gaitas e Danzas Airiños da Aronoia", "Xunquereteiras", "Tokaide", "Terras do Arenteiro", "Pandereiteiras de Zobra", "Ala, Pepes", "Pandereiteiras Rebulir", Pandereiteiras "Flor de toxo" de Avión e os anfitrións deste serán, a "Banda de Gaitas e Danzas do Irixo". Xa a partir das 23:00 horas iniciaráse unha foliada libre.
Durante todo o Serán haberá servizo de bar e comida, con bocadillos quentes, bebidas e chocolate. E durante a tarde-noite os asistentes terán ocasión de gañar un premio, xa que se van sortear ata once agasallos no transcurso do evento.