Qué facer esta fin de semana na comarca ? cine, teatro, festa dos callos, Arenteiro fotográfico, dia da bici, rali de históricos, e festas nas parroquias de Pereda e Ourantes.
CINE. O Cine-Club Carballiño proxecta a película española "Te estoy amando locamente". Venres 6 ás 20:00 e 22:30 horas no auditorio. O Novocine de Leiro ten en carteleira dúas películas do venres ao domingo: "Amigos hasta la muerte" (16:00 h.) e estrea "La ternura" (18:00, 20:00 e 22:00 h.)
TEATRO. Continúa a "Mostra de Teatro Amador" que organiza Tiruleque. O Grupo "Hipócrita Teatro" de Lugo representa a comedia "Casting". Domingo 8 ás 20:00 horas no auditorio do Carballiño.
ARENTEIRO FOTOGRÁFICO. A asociación "O Potiños" inaugura a que será outro outono máis un evento que fai do Carballiño a capital galega da fotografía durante os meses de outubro e novembro, con ata 18 exposicións e outras actividades. O sábado 7 ás 17:30 h. apertura das exposición no local da rúa Evaristo Vaamonde, e ás 19:00 h. na casa da cultura terá lugar a gala de inauguración e mesa redonda con Juan Adrio, José Fachal e Brais Lorenzo.
DIA DA BICI. Un paseo de 8 km. polo Carballiño e arredores, con saída ás 11:30 h. do domingo 8 desde a Praza da Veracruz, na que aínda poderán facerse as inscricións a partir das 10 da mañá.
RALI DO LACÓN HISTÓRICOS. O sábado 7 e organizado polo "Club Arenteiro Clásicos" 45 vehículos históricos, todos anteriores a 1980, participan neste rali que fará un percorrido de 265 kilómetros polos concellos do Carballiño, Cea, Maside, Vilamarín, Amoeiro, San Amaro, O Irixo, Boborás, Cenlle, Leiro e Beade.
FESTA DOS CALLOS DE PIÑOR. O domingo 8 no campo da festa do pobo do Arenteiro convertido nun gran comedor ao aire libre para degustar desde as 14:00 horas un menú a base de empanada, lacón asado, callos, bebida, pan e sobremesa. Haberá unha ruta de motos clásicas, actuacións musicais e actividades de animación infantil gratuítas.
FESTAS NAS PARROQUIAS DE PEREDA E OURANTES. Tras celebrar a "Ruta das adegas" na noite deste venres 6, a parroquia de Pereda no concello de Cea celebra o sábado 7 o o domingo 8 as festas da Virxe do Rosario, con misas solemnes ao mediodia, sesións vermút, e verbenas coa música de Feitizo de Pau, o grupo Xoldra e o dúo Explosión.
A parroquia de Ourantes no concello de Punxín celebra eta fin de semana -sábado e domingo- as festas de San Francisco, que animarán a charanga Europa , a orquestra Fania Blanco Show e o dúo Os Trasnos. O sábado ás 14:30 está organizada unha comida popular.