Reanundanse as obras da praza da Veracruz, agora cun novo proxecto
Os traballos agardase que estean rematados para a primavera de 2013. O alcalde do Carballiño e a Secretaria Xeral de Urbanismo asinaron a acta de reinicio da obra mentres os operarios de "Misturas Obras e Proxectos" derrubaban os muros de formigón, que fai agora 2 anos atrás orixinaran a contestación social que posteriormente motivara e paralización e posterior reforma do proxecto.
Marnotes agradeceu á Xunta, representada neste acto pola Secretaria Xeral de Urbanismo Encarnación Rivas "por ter adquirido aquela sensibilidade que lle transmitimos no seu dia no nome do pobo do Carballiño, e ser quen de paralizar a obra e continuala conforme se nos había dito e manifestado polos veciños, por eso hoxe é un dia importante para O Carballiño, era ésta unha obra para non correr e sí para meditar e facéla conforme o que os veciños querían", subliñou o rexedor municipal.
O investimento total das obras ascende a 1,2 millóns de euros, e prevese que a actuación estea "rematada en 3 ou 4 meses, dependendo sempre das condicións meteorolóxias", según avanzou o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez.
Os traballos proxectados afectan a unha área de máis de 8.000 m2, e consisten na pavimentación e implantación dos servizos urbanísticos de abastecemento e saneamento, enerxía eléctrica, alumeado público e telefonía.
No documento tamén se contempla a rectificación do trazado dos pavimentos das beirarrúas da rúa dos Canteiros, adaptado ao muro de sillería xa existente. Tamén se reservará unha zona para actos públicos na confluencia da rúa dos Canteiros con Antonio Palacios, aproveitando o desnivel con escalinatas a modo de gradas.
O proxecto contempla unha nova rampla de acceso ao templo, con pendentes adaptadas, e mellora do contorno da mesma: enlousado de pedra nos pavimentos da rampla e das zonas de conexión coa rúa Evaristo Vaamonde e demolición dun muro de formigón. Realizarase unha redución do ancho do viario de conexión entre a rúa Evaristo Vaamonde e a praza de San Ramón, de dimensión máxima de 8 metros, incluíndo beirarrúas e pavimento adoquinado.
A Secretaria Xeral de Urbanismo destacou "a importancia da coordinación entre as diferentes administracións con competencias neste proxecto de adecuación. Tras varios encontros, na liña do diálogo, determínase unha solución consensuada entre as distintas partes que permitirá finalizar as obras con maior axilidade".