Recepción no concello aos alumnos do IES nº 1 premiados en concursos autonómicos.
Oito alumnos de 1º de bacharelato do IES nº 1, Aymara Aranguren Pereira, Giovanna Dapena Diz, Martín Fernández Álvarez, Daniel Fernández Filloy, Ramiro Miguel Mendonça Cerdeira, Eduardo Otero Prado, María Josefina Sanmartín Crispín e Iván Trillo Juiz, que acadaron o 1º Premio á orixinalidade na V Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, así como o alumno de 2º de bacharelato, Esteban Decabo Nogueira, que acadou o primeiro posto na modalidade de grego e o segundo na modalidade de latín na V Olimpiada Galega de Tradución de Filoloxía de Santiago, recibiron unha homenaxe no concello en recoñecemento aos seus méritos.
O acto desenvolveuse no salón de plenos do concello coa asistencia do alcalde, Francisco Fumega; do concelleiro de Educación e Cultura,
Diego Fernández; do director do Ies nº 1, José Troitiño, así como os alumnos homenaxeados. Francisco Fumega felicitou aos alumnos e ao director do centro, asegurando que estes premios eran un síntoma de que o ensino no Carballiño ten calidade, e que as novas xeracións de carballiñeses son as mellor preparadas da historia.
Esteban Decabo amosou o seu agradecemento por que as institucións recoñezan o traballo dos alumnos, e en semellantes termos expresouse José Troitiño, dicindo que a xente nova necesita apoio e agradécese que se recoñeza o seu traballo.
Finalmente, Diego Fernández tamén felicitou aos alumnos e ao director de instituto e expresou o seu desexo de que disfruten destes premios.
A cada alumno entregóuselles como agasallo un lote de publicacións do concello.