Recoñecemento do concello carballiñés a "Frigorificos Arcos" polos premios á súa marca "A Pulpeira"
O concello do Carballiño felicitou á familia González Atanes polo premio á calidade acadado recentemente en Bruselas polo produto comercializado pola empresa da súa propiedade, Frigoríficos Arcos S.L., coa marca “A Pulpeira”.
Nun acto presidido polo alcalde, Francisco Fumega, o concello galardoou á pulpería Frigoríficos Arcos cun recoñecemento pola súa labor na expansión do prato principal da gastronomía carballiñesa, o pulpo.
O acto contou coa presenza do concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Dacal, así como dos irmáns Daniel e Camilo González Atanes, propietarios de Frigoríficos Arcos e promotores da marca A Pulpeira. Fumega resaltou o mérito desta empresa, con máis de cincuenta anos de andaina, e agradeceu o feito de espallar un prato típico alén das fronteiras, levando sempre como escudo o nome do Carballiño. “i+D+i, innovación e calidade, este é o camiño do futuro”, dixo o alcalde, que se amosou orgulloso de que o parque empresarial do Carballiño acolla unha iniciativa de tanta proxección nacional e internacional.
Pola súa parte, Daniel González Atanes, afirmou que o que pretendían era mellorar os estándares de calidade na elaboración do cefalópodo, e tanto el coma seu irmán, Camilo, coinciden en que o recoñecemento de carácter mundial que tivo o seu produto é todo un orgullo, algo que rebotará en beneficio do Carballiño. Baixo a marca A Pulpeira, “Frigoríficos Arcos” SL logrou dúas estrelas de ouro nos premios do Instituto do Sabor e Calidade (iTQi), con sede en Bruselas.
O xurado deste certame está composto polas asociacións culinarias máis prestixiosas de Europa, como Verband der Köche Deutschelands, a Federación de Asociaciones de Cocineros de España ou os Maitres Culinaire de Francia, entre outros. Dentro delas, podemos atopar chefs da talla de Ferrán Adriá, Mario Sandoval ou Alberto Chicote. Nos premios ó Sabor Superior do iTQi participan empresas de máis de 120 países, como Estrella Galicia, Pascual, Heineken ou Coca Cola.
“Frigoríficos Arcos” SL encárgase de conxugar tradición con innovación. Encabezado polos irmáis Daniel e Camilo González Atanes, teñen moi interiorizada a maneira de cociñar o pulpo propia das pulpeiras de Arcos, que é o que lle introduce a distinción pola que é coñecida a vila do Carballiño.
Tendo isto como base, o resto é colleita propia. A marca A Pulpeira renova o mercado coa súa nova maneira de facer: o pulpo cocido ó vapor. O proceso comeza coa materia prima de maior calidade, pasando polo envasado ó baleiro e a cocción ó vapor deste no seu propio xugo, o que se traduce nunha explosión de sabor potenciado grazas á conservación das súas vitaminas, proteínas e sales minerais, mantendo o sabor a mar.
Trátase dun produto da maior calidade, que pode conservarse ata 150 días refrixerado e de fácil recuperación no microondas, na grella ou a “baño maría”. O produto dos irmáns Atanes é resultado de dous anos de investigación e probas en canto a calidade e sabor. Trátase dun prato que é empregado por chefs de toda España, e que se comercializa de maneira internacional, chegando a lugares como Australia, Corea do Sur e Inglaterra.
Actualmente, a produción é de 25.000 quilogramos ao mes, e a venta ao exterior acada xa un 12%.