Record de participación no entroido de Maside e 1.200 comparsistas este martes no Gran Desfile-Concurso do Carballiño

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, organiza este martes 17 de febreiro o Gran Desfile de Entroido, unha das datas festivas máis esperadas pola veciñanza.
Polas rúas da vila desfilarán preto de 1.200 persoas entre os integrantes das comparsas e das agrupacións musicais participantes.
A Batucada PercuCar iniciará os festexos ás 16,45 horas, e o Gran Desfile arrancará ás 17,00 desde a rúa Otero Pedrayo. O percorrido continúa pola rúa Conde Vallellano, rotonda Alameda, avenida Julio Rodríguez Soto, rúa Calvo Sotelo e rúa Tomás María Mosquera para rematar na Praza Maior.
Un total de 15 comparsas son candidatas a levarse os oito premios da Concellería de Cultura, que repartirá preto de 8.000 euros entre as agrupacións gañadoras. O fallo do xurado darase a coñecer durante o concerto do Grupo La Noria, que actuará a partir das 19,00 horas na Praza Maior.
As comparsas que teñan vehículos de mobilidade reducida e carrozas, por seguridade de todos, deberán cumprir coas instrucións indicadas pola organización e a Policía Local para que o desfile transcorra sen incidentes. A organización non se fai responsable do que poida derivarse da infracción desta orde.
Record de participación no lúns de antroido de Maside
A vila de Maside acolleu este lúns unha multitudinaria celebración, nin xiquera a chuvia foi impedimento para que a vila masidá rexistrase unha participación de record.
Os tradicionais felos de Maside, orixinarios da parroquia de Garabás, como os que poden verse na fotografia, abriron un desfile no que participaron as comparsas da comarca do Carballiño e as sempre espéctaculares carrozas chegadas desde Parada de Amoeiro e o seu tradicional entroido.