A rede ceMIT conectará aos nenos e nenas dos concellos de Beariz e Leiro con Papá Noel a través de videoconferencia
Preto de 800 alumnos de educación infantil de máis de 20 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT ata o día 21 de decembro. Entre os concellos participantes encóntranse os de Leiro, Beariz e Castrelo de Miño, dentro do noso ámbito intercomarcal O Carballiño Ribeiro
O obxectivo desta actividade, que este ano cumpre o seu décimo sexto aniversario, cunha grande aceptación entre a comunidade educativa, é facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de día de Guitiriz ou do Centro Aspromor de Ortigueira.
Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 94 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A Rede conta con máis de 110.000 usuarios e leva planificadas máis de 500.000 horas de formación, desde a súa posta en marcha. A rede conta con máis de 980 "aliados dixitais" entre empresas, entidades e voluntarios. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.