Rematan as obras de restauración da capela de San Pedro de Leiro
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou a capela de San Pedro, en Leiro, onde a Xunta de Galicia vén de completar obras de restauración cun investimento de preto de 150.000€. Trátase dunha actuación centrada na estrutura e cubertas deste ben que se enmarca no compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio cultural e artístico da provincia de Ourense.
Na visita ao concello ourensán, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e polo alcalde, Francisco José Rodríguez, Román Rodríguez destacou o traballo que está facendo a Xunta de Galicia para garantir o futuro dos elementos máis senlleiros do patrimonio da provincia investindo 3,8M€ en actuacións de conservación e rehabilitación como a rematada en Leiro.
“En Galicia temos a sorte de contar cunha gran riqueza patrimonial que nos identifica e define como pobo para guiarnos na construción do noso futuro”, afirmou o conselleiro antes de engadir que a provincia de Ourense xoga un papel determinante na conservación deste legado con algúns dos bens patrimoniais “máis importantes do país”. “No concello de Leiro atopamos unha boa representación coa Capela de San Pedro e o Mosteiro de San Clodio, onde vimos de actuar, ou a igrexa de Serantes, onde actualmente estamos intervindo sobre o retablo”, afirmou.
Consolidación estrutural
Cun investimento de preto de 150.000€, a intervención na igrexa capela de San Pedro tivo como obxectivo resolver as patoloxías que presentaba, especialmente no referido ás fendas existentes nas bóvedas e filtracións, así como os elementos discordantes como a espadana ou a estrutura de madeira que ocupaba o primeiro tramo da nave.
Para iso, consolidouse e estabilizouse estruturalmente o arco toral do presbiterio mediante a colocación dun tirante metálico que recolle os seus esforzos horizontais. No referido ás filtracións, renovouse tanto a estrutura de madeira como o sistema de tellado da cuberta. Así mesmo, melloráronse as condicións de estanqueidade da cantería das fachadas do templo a través de traballos de limpeza e rexuntado con morteiro de cal.
Para recuperar a imaxe exterior orixinal da igrexa desmontouse a espadana existente –construída no 1956 e colocada inicialmente na fachada lateral–, cuxo deseño e dimensión contrastaba coa portada do templo, e devolveuse á súa ubicación orixinal. No referido ao aspecto interior, desmontouse a devandita estrutura de madeira, que impedía visualizar as bóvedas de aresta da capela.
A actuación en San Pedro de Leiro incluíu, así mesmo, a renovación da instalación eléctrica e o alumeado, o revestimento con morteiro de cal hidráulica e pintado dos paramento interiores e a recuperación e renovación da carpintería de madeira existente.
A igrexa de San Pedro de Leiro data de finais do século XVI e é un inmoble protexido polo seu valor cultural, pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e recollido no inventario do patrimonio histórico-artístico do Concello de Leiro. Trátase dun edificio de pequenas dimensións, de planta rectangular, cunha única nave de dous tramos e cabeceira cadrada. A cuberta descansa sobre tres bóvedas de cruzaría cuxas claves están decoradas con motivos abstractos e agnus dei, entre outros elementos. Toda a capela está construída con canteira de granito pseudo-isódomo co grao típico da zona do Ribeiro.