Remontada do Arenteiro ante o AlertaNavia vigués, 3-1.
O conxunto carballiñés impúxose aos vigueses do AlertaNavia tras voltear o marcador, xa que os visitantes cobraron ventaxa á media hora de partido. A un minuto para chegar ao descanso, o árbitro sinalou como penalti unha man dentro da área dun xogador vigués, e Martín Pérez empatou para o Arenteiro, nunha xogada que seguramente resultou providencial para o desenlace final do partido. Logo, na reanudación, o mesmo Martín Pérez -no minuto 53- e xa preto do final Pana, marcaron os goles da remontada.
Comezou moi espeso o Arenteiro, con moitas imprecisións atrás e sen conseguir superar aos vigueses no medio do campo, e asi toda a primeira parte. Afortunadamente para os verdes, primeiro o penalti e logo o gol tras o intermedio nivelaron o encontro, pero as acometidas do AlertaNavia seguiron facendo sufrir a retagarda local, ata que Pana a pase de Dani González, acaso na mellor xogada da tarde dos verdes, sentenciou o encontro.
Con esta victoria, o equipo dirixido por Manel Vázquez logra sumar catro partidos imbatido, con tres victorias e un empate, achegandose -con 40 puntos- ao obxetivo da permanencia.
CD Arenteiro: Israel, Marcos Castro, Aitor Martínez, Dafonte, Pana, Victor Gallego, Bardelás, Martín Pérez, Sanginés, Vitti e Alberto. Tamén xogaron Marcos Sotelo, Iván Portos, Dani González e Vilachá.