A Residencia de Tempo Libre do Carballiño acolle ás 127 persoas do programa "Reencontros na Terra"
Tras rematar a tempada de verán, coa última das quendas a mediados do pasado mes de Setembro, a Residencia de Tempo Libre do Carballiño volve ter actividade a partir desta semana para aloxar aos participantes nesta iniciativa da Xunta de Galicia.
As persoas participantes no programa “Reencontros na Terra”, na súa edición deste ano 2016, aterraron nos aeroportos de Peinador e Lavacolla, en voos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, México, Uruguai e Venezuela, tras escala en Madrid, para dirixirse directamente á residencia carballiñesa, onde foron recibidos polo presidente en funcións da Xuntas de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social, ten por finalidade favorecer o achegamento de emigrantes galegos e galegas que teñen cumpridos 65 anos á súa terra e ás súas familias. Participan nesta edición un total de 127 persoas procedentes dos seis países citados.
Os grupos máis numerosos son os procedentes de Arxentina (86 persoas) e Venezuela (16 persoas). O resto das persoas participantes son 5 de Brasil, 12 de Uruguai, 6 de Cuba e 2 de México. Preto do 39% das persoas participantes naceron na provincia da Coruña, o 30% na de Pontevedra, o 16% na de Lugo e o 15% restante na provincia de Ourense.
Aínda que todas as persoas participantes teñen cumpridos os 65 anos, condición sine qua non para beneficiárense do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 72 anos. A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as persoas participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias entre eles e elas.
As solicitudes foron avaliadas seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español para o ano 2016 e a idade de quen realizou a solicitude, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.
O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de O Carballiño, en réxime de pensión completa, levando a cabo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares da Comunidade autónoma para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, entre os que destaca unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental e recepción institucional.
A segunda fase consiste nunha estadía xunto as súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.