Ricardo Perea presenta unha candidatura popular "para recuperar a prosperidade do Carballiño"
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, no comedor do Restaurante -Asador Veracruz, Ricardo Perea, candidato do PP á Alcaldía do Carballiño, estivo acompañado polas mulleres e homes que o acompañan na candidatura e que presentou como a “transformación homoxénea, para un goberno solvente no Carballiño que se fai incorporando nomes novos e contrastados pola sociedade carballiñesa, xunto con persoas de gran dedicación e experiencia no propio concello".
Así pois, a incorporación do Propio Candidato Ricardo Perea, Celso Carballal, Lidya Almonte, Rosa Gamallo e Camilo Álvarez figuran nos primeiros postos da lista popular con Argimiro Marnotes, Pilar Caride, Magín Daparte e Teresa Cerdeira.
Ricardo Perea, aproveitou para presentar o que será o esquema da campaña, na que se compromete a dedicarse en exclusiva a facer o porta a porta toda a campaña para poder explicar a tódolos veciños e veciñas o seu proxecto para "o meu pobo, polo que sinto gran paixón".
Baixo o eslogan #PaixónPoloCarballiño se presenta un programa que da solución a cada un dos problemas e carencias que segundo os Populares levan causado a improvisación e falta de xestión do “desgoberno do PSOE do Carballiño”.
"É un programa apaixonante a vez que necesario para a dinamización e prosperidade do Carballiño, que deseña o seu futuro, afastándose da improvisación actual e traballando en temas que nunca antes se abordaron ou executaron", subliñou.
Ampliación do Parque Empresarial, un complexo deportivo e de ocio no contorno do colexio da Uceira, segunda galiña azul, actuar no parque municipal, unha biblioteca con local de estudios moderna e céntrica, novo centro de saúde, mais limpeza e mantemento das instalacións, mellor convivencia entre mascotas e veciños, mais policía nas rúas, colaboración cos ANPAS, mais conciliación, potenciar o turismo, apertura de rúas estratéxicas, actualización e mantemento dos cerca de 100km de sistema viario, son algunhas das referencias que fixo sobre o mesmo.