Rueda cualifica aos premiados pola Denominación de Orixe O Ribeiro "como baluartes da Galicia Calidade e do rural con oportunidades"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou aos premiados pola Denominación de Orixe O Ribeiro como baluartes da Galicia Calidade e do rural con oportunidades. No acto de entrega dos galardóns, asegurou que os recoñecementos son unha proba do arraigo do sector, da excelencia dos viños galegos recoñecida dentro e fóra de Galicia e da confianza en que, desde os recunchos máis modestos, os produtos galegos poden conquistar o mundo.
O xefe do Executivo autonómico valorou a forza da viticultura na Comunidade, e asegurou que a Xunta traballa para dar resposta as súas demandas. Deste xeito, subliñou a aprobación da Lei de recuperación da terra agraria para fomentar o impulso de novas zonas de viñedo, os preto de 30 millóns de euros aprobados en axudas para investimentos, exportacións e reconversións de plantacións de vide; a futura Lei de calidade alimentaria, que blindará no plano legal a excelencia dos produtos e a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas.
“Unha viña é unha fonte de riqueza pero tamén unha postal para moitos deses visitantes que contribúen a que Galicia siga batendo récords turísticos”, afirmou. Na súa intervención, o presidente salientou que son moitas as persoas que logran que Galicia estea de moda, e que a marca da Comunidade sexan, xunto cos lugares, os sabores.
Eloxio aos premiados
En referencia aos premiados, eloxiou a traxectoria de Delfina López e o impulso de novos viticultores como Cristian Vázquez, unidos pola ambición por facer as cousas cada día un poco mellor. Así mesmo, gabou a La Alacena Roja pola súa labor divulgativa, xunto cos establecementos O Colmear (Ourense), A Vinoteca de Tucho (Ribeira) e Sibarita (Vigo). Recalcou o prestixio de María José Huertas como unha das mellores sumilleres de España e o papel de Manuel Juliá tanto na escrita, como na dirección da Feira Nacional do Viño.
Por último, incidiu en que a Festa Da Istoria de Ribadavia, declarada de Interese Turístico Nacional, supón un escaparate magnífico para coñecer a comarca vitivinícola. “O Ribeiro é un espello de que o rural galego ten moita calidade e moita vida se todos imos detrás do mesmo obxectivo”, finalizou.