Rueda destaca que a ampliación do parque empresarial non so facilitará " o crecemento empresarial dos concellos do Carballiño e Maside, senón de toda a comarca"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a importancia de seguir impulsando o desenvolvemento económico da comunidade, destacando a posta en marcha de medio millón de metros cadrados de chan industrial a custo cero durante os primeiros oito anos de actividade nas parcelas de solo empresarial titularidade do Goberno autonómico.
“Mentres teñamos empresarios que queiran seguir apostando polas súas empresas e que queiran seguir medrando e consolidándose, dende a Xunta seguiremos intentando poñelo o máis sinxelo posible e axilizando ao máximo para que haxa solo industrial alí onde sexa necesario”, indicou. Así o sinalou durante a clausura da xornada técnica informativa do plan estruturante do parque empresarial do Carballiño-Maside, que suporá a ampliación do xa existente no concello carballiñés e se estenderá tamén polo de Maside.
En total, o novo parque empresarial terá un ámbito de actuación de máis de 1,2 millóns de metros cadrados. Unha actuación que, tal e como subliñou Rueda, responde á demanda crecente de solo industrial na zona debido a que o parque empresarial do Carballiño xa se atopa case ao 100% de ocupación. Nese sentido, destacou que esta ampliación non só contribuirá ao crecemento empresarial do concello, senón tamén da comarca e agradeceu tanto aos Concellos implicados como á Deputación de Ourense a súa vontade de colaboración no proxecto.
Así mesmo, dentro do compromiso do Goberno galego coa mellora da competitividade do tecido económico galego e a xeración de emprego de calidade, están en marcha outras medidas como a activación da Oficina Económica de Galicia, que xa atendeu preto de 5.500 consultas desde a súa posta en marcha en abril. Todo para contribuír a “esa Galicia potente que todos queremos e que pode seguir medrando”, tal e como apuntou Rueda.