A ruta das tapas anticipa os sabores do nadal, e ademáis ofrécenos a oportunidade de gañar bos premios
A ruta das tapas deste venres e do seguinte, 6 e 13 de decembro, respectivamente, estará protagonizada polos “Sabores do Nadal”, e terá como aliciente poder participar nun sorteo dunha cesta de Nadal cuxo valor ronda os 1.000 euros.
O evento foi presentado no restaurante Casa Gazpara polo concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; a xerente do CCA, Noelia Mares; a representante da bodega Pazo Tizón, Raquel Cabo, e representantes dos dezaseis establecementos hostaleiros que participan nesta iniciativa, e que amosaron as tapas que ofrecerán á clientela nestas xornadas ao prezo de 2 euros.
Durante a presentación procedeuse ao sorteo das dúas viaxes de fin de semana a Asturias e Oporto, correspondentes á ruta das tapas do pasado mes de novembro. Estes premios recaeron, o de Asturias, que inclúe dúas comidas en dous restaurantes de Xixón e Oviedo de hostaleiros carballiñeses, en Patricia Gulisano, e a de Oporto en Roberto.
Manuel Dacal felicitou ao sector hostaleiro carballiñés pola calidade e innovación das súas propostas gastronómicas, e agradeceu ao CCA, Pazo Tizón, Aceites Abril, demáis patrocinadores e sector hostaleiro os produtos ofrecidos para a cesta de Nadal.
Noelia Mares recordou que na app quedamosdetapas pódese ver cada unha as propostas dos dezaseis bares, mesóns e restaurantes que conforman esta iniciativa, e convidou a vivir o Nadal no Carballiño.
Raquel Cabo expresou a súa satisfacción por colaborar con este evento gastronómico e hostaleiro.
E David, cociñeiro da Casa Gazpara, en representación do sector hostaleiro, dixo que no Carballiño hai un gran potencial culinario, que é moi creativo e que merece un recoñecemento, pois está a un gran nivel.