Ruta das Tapas, Cine, Lembranza a Suso Vaamonde, Leo Bassi e Enduro, na axenda da fin de semana.
Ruta das Tapas. A partir das oito da tarde deste venres, nova edición desta ruta gastronómica da hostalaría local, desta vez tapas a dous euros cos sabores do entroido.
Cine. Dunha parte, o Cine-Club Carballiño ofrécenos na tarde-noite do venres no auditorio municipal a película chinesa "Hasta siempre hijo mio", ás 20 e 23 horas, nesta última sesión en VOS. Mentres, no NOVOCINE de Leiro son dúas as películas en carteleira para esta fin de semana: "SONIC, La película" e "Adú", co galego Luis Tosar no reparto.
Lembranza a Suso Vaamonde. Unha proposta musical por iniciativa da Agrupación Cultural Avantar e conmemorativa do 20 cabodano da morte dun dos iconos da música galega do século pasado, este venres dia 14 de Febreiro ás 21:30 horas no "Sete Flores", coas actuacións das pandereiteiras Nébeda, e os cantautores Andrés Fernández e Mini Rivas.
Leo Bassi no "Carballiño Comedy", o sábado dia 15 de Febreiro ás 21 horas no auditorio municipal, o famoso humorista fai parada no Carballiño para, co seu estilo provocador e mordaz, presentarnos o seu espectáculo "The Best of Leo Bassi".
3º Enduro Concello de Piñor. O espectáculo das motos na matinal deste domingo dia 16 de Febreiro, a Liga Galega de Moto de Montaña protagoniza esta xornada domincial polos montes da Madanela e Sestos, no concello piñorense, unha competición, sempre espectacular, na que participarán 203 pilotos.