Sanidade e concello cofinancian melloras no centro de saúde de Beariz, as obras ascenden a 122.967 euros.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado López, asinaron onte un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, e polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial Bernárdez. O investimento deste proxecto de mellora ascende a 122.967 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello.
O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e, tamén, o papel de interlocución que fixo o delegado territorial da Xunta para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Beariz contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable.
As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas que visitaron o centro, consistirán na mellora da accesibilidade do centro, que na actualidade non conta cun acceso adaptado. Para iso, a proposta do Concello, optouse por un proxecto que prevé pasar a área asistencial a andar semisoto, ao que se accede directamente dende a rúa por unha porta situada na fachada lateral dereita do edificio, e deixar no andar baixo unicamente a sala de xuntas, o almacén e unha sala covid próxima ó acceso pola entrada actual. Esta actuación suporá a remodelación de toda o andar, creando aseos adaptados, realizando a apertura dos ocos das ventás, o cal provoca unha modificación das fachadas do edificio e a renovación de toda a carpintería.
Ademais, aproveitarase a actuación para realizar unha limpeza de toda a cuberta, reparando as tellas que se atopen deterioradas e especialmente os encontros cos lucernarios.