"SEA" estudará impulsar solo industrial supramunicipal en Maside e O Carballiño, na zona próxima ao parque empresarial carballiñés.

12, Novembro 2020

A xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico”, Beatriz Sestayo, desprazouse este xoves ao Concello de Maside para manter unha reunión co alcalde da localidade, José Manuel Iglesias e o rexedor do Carballiño, Francisco Fumega, co obxectivo de poder coñecer o proxecto de desenvolvemento do polígono industrial supramunicipal que estudan conxuntamente ámbolos dous municipios.

Nesta reunión, primeira toma de contacto, tamén participaron o asesor xurídico de “SEA”, Antonio Quintela, o director comercial José Rey e o arquitecto municipal de Maside.

A xerente de “SEA” Beatriz Sestayo explicou que se tratou dunha “primeira xuntanza enormemente produtiva”, na que se constatou a existencia dun interese xeral en impulsar un proxecto “por riba dos intereses exclusivamente locais” e nun “enclave estratéxico”. Beatriz Sestayo destacou ademáis a importancia de estudar a presencia de “SEA”, dependente nun 84% do Ministerio de Transportes, nunha provincia, a de Ourense, na que aínda non ten desenvolvido chan industrial.

“Qué mellor que nun enclave estratéxico e nunha zona na que aínda SEA non ten entrado, e qué mellor que estudalo cun proxecto supramunicipal e con demanda empresarial, que sen dúbida facilitará a dinamización socio económica desta zona”, resaltou. Asi,comprometeuse a que “SEA” analizará o proxecto que impulsan desde Maside e O Carballiño para valorar a súa viabilidade e a posible implicación da entidade.

Pola súa banda, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, puxo en valor que hoxe “se deu un paso importante dende o punto de vista da tramitación administrativa” nun “proxecto esencial non só para O Carballiño e Maside senón tamén para vertebrar unha comarca e tentar o equilibrio territorial da Galicia interior, nunha aposta que marca camiños para o futuro, unha aposta de colaboración entre dous concellos, unha aposta de colaboración entre distintas administracións e, en síntese, unha aposta de colaboración polo futuro da Galicia interior”.

O alcalde do Carballiño puxo en valor a boa situación da zona dende o punto de vista das infraestruturas e as boas posibilidades que, a expensas dos informes pertinentes, apuntan cara a “condicións económicas interesantes e asequibles”.

Tamén José Manuel Iglesias destacou que se trata dunha primeira reunión para tentar tirar “para adiante co parque empresarial e o solo industrial que necesita Maside”. “Estamos traballando xuntos en boa dirección para conseguir o ansiado parque supraminicipal para os concellos de Carballiño e Maside”, remarcou.

Dende “SEA” valorarase esta actuación, do mesmo xeito que se está a facer coas demáis que se están a prantexar á entidade, e ante as posibilidades de que exista unha demanda real empresarial, co obxectivo final de contribuir ao “desenvolvemento socio económico de Galicia”, conclui Sestayo.

SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO

Beatriz Sestayo lembrou que “Suelo Empresarial del Atlántico” xestiona na actualidade 13 parques empresariais en Galicia, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados, situados nas provincia de Lugo --Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo—e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira- e nos que se asentan máis dun centenar de empresas.

“Suelo Empresarial del Atlántico”, S.L., S. M.E., é unha sociedade que está participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, a través de Sepes; nun 14,26% pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo; nun 1,65% por ABANCA e un 0,65% pola Xunta, e creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.