A Secretaría Xeral para o Deporte e Deputación colaboran no proxecto turístico-deportivo "A Arracada" que promove o concello do Irixo
Trátase dun novidoso proxecto que pretende combinar a actividade turística coa deportiva e pensada para toda a familia, con distintas actividades de contacto coa natureza e oferta deportiva para practicar en familia.
O complexo turístico-deportivo "A Arracada" promovido polo concello do Irixo ubicaráse en terreos cedidos polo Adif, que ocupan unha superficie de 2000 metros cadrados, a carón da estación de tren do Irixo, e que contará con diversos equipamentos e instalacións, que se completarán dos diversas rutas de sendeirismo ou bicicleta polo territorio municipal, tamén para achegarse á riqueza patrimonial e cultural do municipio.
O secretario xeral para o deporte da Xunta, José Ramón Lete, destacou a singularidade do proxecto e as grandes posiblidades que se abren unha vez que chegue o AVE a Ourense, cun público que cada vez máis busca este tipo de oferta en contacto coa natureza. Tamén comprometeron o seu apoio a este proxecto os responsables da Deputación, o vicepresidente César Fernández e o asesor deportivo da entidade provincial, Bernardino González. De entrada, a actuación precisa dunha inversión de algo maís de 200.000 euros.