Sete procesións, entre elas dúas que se estrean, plato forte da Semana Santa 2019 da Cofradia da Veracruz
A Semana Santa do Carballiño terá por vez primeira unha procesión matinal o Venres Santo, e outra o domingo de Pascua. Unha será a procesión do Cristo da Boa Morte e celebrarase ás 12,00 h., con saída da capela do Sagrado Corazón, pasando por Praza Maior, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Antonio Palacios, Templo da Veracruz, Rúa dos Canteiros, Aldara, Praza Maior, e remate na capela do Sagrado Corazón.
E a outra é a Procesión da Resurrección, que se celebrará o domingo 21 de abril ás 12,45 h., con saída do templo da Veracruz e remate na igrexa parroquial. Esta é unha das novidades que ofrece o programa organizado pola Cofradía da Vera Cruz, que foi presentado esta mañá no concello, coa asistencia do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o cofrade maior Rafael Melero, actuando de presentador-moderador o locutor ourensán Vidal López.
Ao acto tamén asistiron o párroco do Carballiño, José Benito Sieiro; cofrades, integrantes da Cruz Vermella e numeroso público.
Seis procesións e un Vía Crucis procesional conforman este programa, que comezará o domingo 7 de abril, no templo da Veracruz, coa lectura do pregón a cargo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e finaliza o domingo 21 de abril.
As procesións son: O traslado da Nosa Señora de Doores, dende a igrexa parroquial ao templo da Veracruz, o venres, 12; a de Ramos, dende o templo da Veracruz, o 14 de abril; o Vía Crucis procesional arredor do templo da Veracruz, o mércores 17 de abril; a do Xoves Santo, dende o Asilo á Veracruz, e dúas o venres 19, unha pola mañá dende a igrexa do Sagrado Corazón e a tradicional “Dos Caladiños”, con saída e chegada no templo da Veracruz. Finalmente, o domingo de Pascua, 21 de abril, terá lugar a Procesión da Resurrección.
Estas procesións contarán coa participación dun elenco importante de Bandas, agrupacións musicais e cantantes. Concretamente, intervirán a Banda-Escola de Gaitas do Carballiño, Banda da Brigada Lixeira Aerotransportable “Galicia VII”, Real Banda de Gaitas de Ourense, Banda de Gaitas “Lembranzas da Terra” de Guillarei, Banda de Música A Lira de Ribadavia, Orfeón do Carballiño e Almudena Mosquera, Maribel López, Ilduara Perianes, Miguel Guillermo Sáez Sotelo, Christian Casas, Concepción Nanín, Elisa Novoa, Samino Otero, Mª José Rodríguez e Soledad Torres.
O gaiteiro carballiñés Isidro Vidal estrenará o mércores 17 de abril, ás 20,30 h., no templo da Veracruz, a obra “Vía de Fol”, durante o Vía Crucis Procesional, sendo o primeiro vía crucis composto para gaita que exista ata a actualidade.
Entre as novidades que se incorporan nesta próxima Semana Santa están un novo trono para a procesión do domingo de Ramos, que necesitará máis de trinta costaleiros para levalo, e unha nova imaxe, un neno hebreo, realizado polo mesmo taller de escultura e imaxinería de Sevilla que fixo A Borriquiña.
Francisco Fumega agradeceu o esforzo que realiza a Cofradía da Veracruz e que contibúe a dar realce á Semana Santa do Carballiño, tanto a nivel relixioso como cultural e incluso turístico. Dixo que nos últimos anos a nos vila estaba sendo un referente na programación de eventos de todo tipo, e que este programa que se presentaba complementa o propio programa cultural e deportivo do concello, situando á vila carballiñesa nun lugar destacado da oferta turística en Semana Santa.
Por iso, propuxo a posibilidade de pedir a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Semana Santa do Carballiño. “Temos unha boa oferta termal, gastronómica, cultural, deportiva e tamén de actos relixiosos que, agás as cidades e vilas galegas que teñen unha Semana Santa recoñecida, moi poucos pobos poden ofrecer”, dixo ao respecto.
Rafael Melero, cofrade maior, recordou os doce anos de andaina da Cofradía da Veracruz, tomando o relevo dunha tradición centenaria do Carballiño, e resaltou sobre todo a incorporación da nova imaxe do neno hebreo, que era a cuarta imaxe adquirida pola cofradía. Así mesmo, agradeceu a colaboración da Cruz Vermella, do concello, da Deputación provincial e dos patrocinadores, A Fuchela, A Canivela Fritida, Cer&Ver, Pulpería Veracruz e Balgón.