Transporte público, concurso de ideas para o parque municipal e a política de refuxiados na UE, a debate no pleno da corporación municipal carballiñesa
A situación do transporte público, un concurso de ideas do parque municipal, a dotación de beirarrúas da avenida do parque e a crise dos refuxiados sirios, son, entre outros temas, algúns dos puntos que figuran na orde do día do próximo pleno municipal do concello do Carballiño, que se desenvolverá este xoves, 7 de marzo, ás 20,00 h.
Ademáis, destaca unha proposta da Alcaldía sobre a disolución do Consorcio Contraindendios e Salvamento das Comarcas do Carballiño e Ribeiro, segundo acordo adoptado polo propio consorcio para dar paso ao novo Parque Comarcal de Bombeiros, que podería estar operativo para o próximo verán, segundo as previsións.
Noutra proposta da Alcaldía, modifícase o representante do concello na Mancomunidade Turística Terras do Avia, que pasará a ser o propio alcalde.
Hai diversos puntos de carácter económico e administrativo, como o Plan Económico-Financieiro do concello para o período 2016-2017, pero o debate centrarase nas cinco mocións presentadas polos grupos do PP, AV-SON e PSOE, sobre dotación de beirarrúas na avenida do Parque, entre o centro de interpretación da natureza e o muíño das Lousas, así como sobre rexeitamento do acordo entre a UE e Turquía para a expulsión de solicitantes de asilo (AV-SON); sobre a urxencia dun concurso de ideas do parque municipal, e para sacar a concurso público diversos subministros municipais (PP); e, finalmente, sobre o transporte público (PSOE).