Tras felicitar ao novo alcalde, Baltar augura "unha nova etapa de progreso para o concello de San Amaro"
O presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar, vén de felicitar ao novo alcalde de San Amaro, o popular Fernando Redondo, logo do pleno no que saíu elixido para presidir a corporación local, eloxiando “a chamada do rexedor á responsabilidade, á moderación e ao compromiso para situar ao municipio e á súa veciñanza nunha nova etapa de progreso”.
Manuel Baltar destacou que Fernando Redondo “encabezou a lista máis votada nas eleccións locais de 2019, converténdose no candidato preferido polas veciñas e veciños de San Amaro, confianza que non puido exercer por unha fracasada coalición entre o PSOE e unha lista independente”.
“Dous alcaldes e a incapacidade para cumprir un pacto de goberno é un pobre balance para os socialistas deste municipio, para os socialistas da provincia e para unha formación independente que tampouco está no seu mellor momento”, dixo o presidente dos populares ourensáns, que lamentou “o tempo perdido para mellorar a calidade de vida dos habitantes de San Amaro cunha xestión seria”.
Precisamente a seriedade foi un dos aspectos destacados por Manuel Baltar da personalidade de Fernando Redondo, “que coa súa prudencia e compromiso será quen abrir un camiño de futuro para o municipio, como así foi na anterior etapa de goberno do Partido Popular con Ernesto Pérez como alcalde durante catro mandatos e, daquela, xa con Redondo como tenente alcalde, polo que a experiencia na xestión municipal está garantida”.