A tromba de auga deste Xoves Santo asolaga baixos e sotos e obriga a cortar o tráfico na Avenida de Compostela. Indignación veciñal por unha problemática que leva anos sen resolverse.

1, Abril 2021

A tromba de auga caída na tarde deste Xoves Santo no Carballiño asolagou algunas rúas do casco urbano, pero a maior incidencia afectou á Avenida de Compostela, na zona de confluencia coa rúa Piñor, onde asolagou baixos e sotos de edificios e vivendas. Varios propietarios afectados dirixirónse a esta emisora de radio para mostrar a súa indignación por un problema que, aseguran, é recurrente e arrastran dende fai 13 anos.

"Xa pasaron tres alcaldes e seguimos igual, levamos asi dende que se fixo a mal chamada reforma desta rúa, cada vez que chove algo forte repítese o problema, temos sufrido danos importantes e ata a avería do ascensor, os garaxes e os sotos énchensenos de auga, estamos fartos desta situación, estamos cansos de denunciálo no concello, pero seguimos igual, ata a próxima", son algunhas das manifestacións da veciñanza da zona.

A inundación na tarde deste xoves tamén provocou incidencias para o tráfico tanto na Avenida de Compostela como na rúa Piñor, a zona quedou intransitable por máis de dúas horas. Policia Local e Garda Civil desplazaron tres patrullas á zona afectada para desviar a circulación de vehiculos por rúas alternativas. Tamén se mobilizaron efectivos de bombeiros e do Grupo Municipal de Emerxencias do concello do Carballiño