Un concerto do grupo "De Vacas" abre este sábado o programa de actividades do concello do Carballiño con motivo do 25-N
Os actos programados pola concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Educación, a través do Centro de Información da Muller (CIM), con motivo do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, desenvolveranse en novembro e decembro con diversas iniciativas que foron presentadas esta mañá pola concelleira Guadalupe Sobrado.
A primeira actividade terá lugar este sábado, 23 de novembro, coa actuación do grupo De Vacas, que actuará no auditorio municipal Manuel María, ás 21,00 h. Este concerto desenvólvese en colaboración coa concellería de Cultura, e forma parte do convenio coa Rede de Teatros e Auditorios de Agadic. O prezo da entrada é de 5 euros.
O acto institucional polo 25N terá lugar o próximo luns, 25 de novembro, no salón de plenos do concello. Será ás 12,00 h., e estará presentado pola profesora da aula de teatro do IES Chamoso Lamas e integrante do grupo de teatro Dar Trela, Clara Vázquez. Neste acto darase lectura a un manifesto, e contará coa colaboración dos centros educativos, Bo Día, Cruz Vermella, Aspadisi, Asdifica e Asociación de Mulleres pola Igualdade do Carballiño. Así mesmo, actuarán Celia Salceda Cibeira, profesora do Conservatorio de Música e a alumna Noemi Duro Pérez.
A terceira actividade do programa contra a violencia de xénero celebrarase o 19 de decembro no IES Chamoso Lamas. Será un Encontro-Dabate en 1º de Bacharelato, co tema “Hai saída grazas a ti”, que aboradará a violencia de xenero con especial énfase na xente moza.
Finalmente, o 13 de decembro reunirase a Mesa de Coordinación para a Mellora da Atención ás Vítimas de Violencia de Xénero. Será no salón de plenos do concello ás 13,00 h.