Un empresario veciño do Irixo falece nunha colisión frontal entre dous vehículos en Dadín, outra persoa resultou ferida grave
Os Bombeiros do Carballiño liberaron ao condutor falecido, que quedou atrapado no interior do vehículo. Trátase de A.C., de 67 anos de idade, veciño do concello do Irixo, unha persoa moi coñecida na comarca pola súa actividade como empresario da construcción.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente sobre as 03:30 horas desta madrugada. Ocorreu na OU-902, á altura de Dadín, no concello do Irixo. Foi a esa hora cando o persoal dun concesionario de vehículos informaba ao 112 de que lles saltara o aviso de alarma de accidente dun turismo. Ao mesmo tempo, unha persoa particular tamén contactaba cos xestores de emerxencias para pedir axuda, aseguraba que era precisa a intervención dos Bombeiros.
Con estes datos, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Carballiño e á Garda Civil de Tráfico que, todos eles, acudiron de inmediato ao punto. Unha vez no lugar, os servizos sanitarios confirmaron o falecemento dun dos implicados e o traslado doutra persoa ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Así mesmo, os profesionais de excarceración indicaron que se tratou dunha colisión frontal e que, tras o impacto, un dos vehículos precipitouse por un desnivel, resultando ferido o seu condutor. Sen embargo, nada se puido facer por salvarlle a vida ao condutor e único ocupante do outro turismo que tiveran que liberar ao quedar atrapado no seu interior.