Un ferido grave e sete pelexas no Carballiño, balance de incidentes nas primeiras horas de 2014
Permanece na Unidade de Cuidados Intensivos un veciño de Leiro ferido grave tras unha pelexa ás 9,31 horas do dia 1 de xaneiro, os feitos aconteceron na rúa Chamoso Lamas do Carballiño. A Policia Local detivo a dúas persoas involucradas neste suceso.
A Policia Local foi requerida para intervir en sete pelexas, rexistradas tanto na via pública como no interior de locais de ocio, durante a celebración da noitevella e o ano novo.
O suceso máis grave saldouse cun ferido polo que nun primeiro momento chegou a temerse pola súa vida, tras recibir un puñetazo e un empuxón caeu ao chan, golpeandose na caluga e perdendo a consciencia. Tivo que ser evacuado ata o P.A.C. do Carballiño e posteriormente trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, permanece na UCI e o seu estado é grave. Trátase de F.M.S.A., de 38 anos de idade, veciño de Leiro.
A Policia Local identificou e procedeu a detención, poucos minutos despois, de dúas persoas como presuntos autores dun delito de lesións, son F.J.J. veciño do Carballiño, e I.G.M., de 25 anos e con veciñanza no municipio de Maside.