Un investimento de 325.000 euros permitirá a reforma do polideportivo do Colexio da Uceira, e con vistas a compatibilizar a actividade escolar co uso municipal.
A alta ocupación das instalacións deportivas municipais ubicadas en Veiga motivou que o concello encargase un proxecto de acondicionamento do pavillón deportivo do colexio público da Uceira, co obxectivo de melloralo para a práctica deportiva do alumnado do centro educativo, así como para complementar as instalacións deportivas municipais cubertas e poder dar servizo ao elevado número de equipos, escolas deportivas e competicións que hai na vila ao longo do ano.
Debido a estas necesidades, que desde a área municipal de Deportes que dirixe Silvia Baranda, considéranse imperiosas, e ante o elevado custo que suporía construir un novo pavillón, considérase que esta é a mellor opción para ampliar as instalacións municipais.
O anteproxecto está xa redactado, e remitirase de inmediato á Secretaría Xeral para o Deporte, coa finalidade de poder obter a financiación necesaria para levalo a cabo.
O acondicionamento contempla a construcción de vestiarios anexos ao pavillón, o peche dos parámetros exteriores e dotar a pista deportiva de parqué. Así mesmo, prevé a construcción de graderío e dun acceso cuberto entre o pavillón e o colexio.
O orzamento é de 352.000 euros, e no anteproxecto prevese un prazo de execución de catro meses.
ACTIVIDADE DEPORTIVA INTENSIVA
O Pavillón Municipal de Deportes “Paco Chao” concentra unha gran actividade deportiva a cotío. Nesta instalación teñen lugar os adestramentos e competicións do Club Carballiño de Fútbol Sala en todas as categorías; son, en total, 14 equipos con 180 deportistas. Asemade, adestran e compiten os equipos de Veteranos de Fútbol Sala, con 160 deportistas inscritos. Tamén adestran e compiten as categorías inferiores da modalidade de balonmán que practican 50 rapaces. Polas mañás, solen usar as instalacións os centros educativos da vila con motivo das Xornadas de Deporte Escolar, dentro do Programa Xogade. Incluso, por falla de horario para usar as pistas, non o poden facer as deportistas da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica, que conta con 60 ximnastas.
Nas fins de semana intensifícase a intensidade no uso do pavillón. Así, prácticamente de 10 da mañá a 10 da noite, estas instalacións atéiganse de competicións de fútbol sala, en todas as categorías, e de balonmán, ademáis doutro tipo de competicións e exhibicións máis esporádicas.
Precisamente, debido ao elevado número de usuarios, o Pavillón Municipal de Deportes conta con dúas pistas: unha central e unha anexa, que actualmente son insuficientes para cubrir as necesidades da práctica deportiva no Carballiño.