Un modelo único na comarca: a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro celebra o seu 50 aniversario
Este sábado, 10 de Setembro, máis de 200 persoas asistirán aos actos conmemorativos do 50 aniversario da fundación da Cooperativa Santa Mariña de Loureiro, 50 anos de existencia dun proxecto cooperativista que é a dia de hoxe o máis antigo e, dende logo que pola súa actividade e natureza xurídica, único na comarca.
A primeira xunta provisional da cooperativa foi creada o 19 de setembro de 1966, sendo o impulsor e primeiro presidente da mesma Don Antonio Gonzalez Bernárdez, sacerdote, ainda en activo a dia de hoxe, na parroquia de Loureiro.
Tres meses despois o Ministerio de Traballo aproba a inscrición da mesma no rexistro nacional. No ano 1976 a cooperativa adquire a primeira pasteurizadora e obtén o título de Central Leiteira.
En 1988 iníciase a produción da fábrica de queixos, máis tarde a de iogures e por último en 1999 consegue fabricar o primeiro Kéfir galego. En toda a súa traxectoria a cooperativa recibiu diversos galardóns e recoñecementos.
Actualmente segue innovando e ampliando o seu mercado, actuando como elemento dinamizador da parroquia.
Este sábado no campo da festa de Loureiro - O Irixo, máis de 200 persoas celebrarán este 50 aniversario cunha misa e un xantar.