Un novo plano-guia mostra os principais recursos turísticos e de servizos do Carballiño e comarca
O concello edita un novo plano-guía do Carballiño e comarca, que contén unha ampla información turística e de servizos da vila e dos arredores.
Trátase dun folleto desplegable, que permite gardalo nun bolsiño pero que aberto ofrece uns planos e mapas o suficientemente grandes como para que se vexa ben a información que ofrecen.
Este plano-guía foi presentado a mediodía polos concelleiros de Turismo e Cultura, Xosé Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente. Dacal dixo que se trataba dunha verdadeira necesidade, xa que o anterior era vello e contiña erros, e este está totalmente actualizado cos nomes das rúas novas, así como o resto dos lugares de interese.
O novo plano-guía leva por una cara o plano do casco urbano do Carballiño, destacando a zona centro e o barrio histórico de Flores, e o conxunto que conforman o parque, a piscifactoría, a fábrica do papel, os muíños e o camping.
E pola outra cara, un mapa da comarca con toda a sinalización histórica, monumental, termal, paisaxística e de interese natural. A portada e a contraportada, co plano plegado, as ocupan as imaxes do templo da Veracruz e da Festa do Pulpo, “os dous referentes turísticos do Carballiño”, según dixo Manuel Dacal.
Tamén figura o código QR que vai permitir acceder á páxina web do concello dende calquera teléfono móbil para ampliar a información sobre O Carballiño. Unha novidade importante con respecto á anterior guía é a inclusión das dúas rutas de sendeirismo do Carballiño: o Camiño do Arenteiro, que vai dende os muíños ata Pazos de Arenteiro, e o Camiño dos Arrieiros. Esta referencia inclúe os planos das rutas coas distancias, cotas, e outros datos.
O concelleiro de Cultura apuntou que este novo plano-guía era un elemento máis para promover o turismo e facer máis atractivo O Carballiño, e que ía a ser un bo instrumento de información para os milleiros de visitantes que acuden cada ano á vila e que neste ano que remata foi especialmente de gran afluencia.
O concello editará 10.000 planos-guía, que se distribuirán na Oficina de Turismo da Alameda e no concello.