Un panel na Praza Maior informa dos recursos patrimoniais e turísticos máis relevantes do concello de Maside
O concello de Maside ven de instalar na Praza Maior un panel explicativo da riqueza patrimonial do municipio baixo o título "Concello de Maside. Terra de auga, fragas e pedra". O panel está incluído no proxecto de sinalización e posta en valor do castro de Santa Mariña. Estivo cofinanciado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Carballiño–Ribeiro GDR 12.
O propósito do panel é mostrarlle aos veciños e aos visitantes os recursos máis salientables do concello: A área termal e recreativa da Rañoa, o Espazo Natural de Interese Local do Pozo do Lago (ENIL), a ruta do románico e a ruta do castro de Santa Mariña.
Tratouse de reunir nunha infraestrutura, de forma sinxela, comprensible, accesible e visual, os recursos, lugares, paisaxes e rutas máis relevantes de Maside. Convida ao lector a unha combinación do turismo cultural co turismo de natureza e benestar. A idea é aumentar o interese turístico do concello presentando unha oferta complementaria ao resto dos 21 concellos que forman parte do GDR 12.