Unha ampla maioria das familias piden un cámbeo nos horarios do CEIP Calvo Sotelo

14, Marzo 2018

A ANPA UCEIRA do CEIP Calvo Sotelo do Carballiño ven de realizar unha enquisa entre todas as familias do centro para coñecer a súa opinión respecto a situación dos horarios lectivos do CEIP.

Non é a primeria vez que a ANPA UCEIRA realiza este tipo de enquisas para ir actualizando a información sobre a opinión das familias respecto aos horarios xa que todos os anos entran e saen familias do centro. En anteriores consultas como esta a opinión maioritaria nas respostas foi sempre favorable a unha revisión de horarios, aínda que, a consellería non as tivo en consideración.

A xornada lectiva iníciase ás 10,15 horas da mañá, ata as 13 horas. Pola tarde, o horario vai de 15,15 a 17,15 horas.

Respecto a organización da enquisa indicar que a ANPA UCEIRA habilitou 3 urnas (unha en cada edificio do centro) para que as familias puideran emitir a súa opinión. A idea das urnas parte de aproveitar a enquisa para que os nenos e nenas do centro se familiaricen cos procesos democráticos e puidesen exercer a opinión das súas familias respecto a este tema como nos procesos electorais dos adultos. O número de papeletas era limitado e as mesmas estaban numeradas. As urnas estiveron a disposición das familias dende o mércores 07/03/2018 ata o venres 09/03/2018.

A participación foi dun 69%. Obtendo os seguintes resultados: o 89% dos votos -333- foron favorables a un cámbeo de horarios, mentres que o 10% restante é partidario de manter os actuais horarios. O 1% votaron en branco ou foron nulos.

Tamén se lles solicitou aos pais e nais que voluntariamente se identificaran xa que na consulta anterior a Consellería restoulle validez ao resultado ao ser enquisas anónimas.

Dende a directiva da ANPA agradecen ás familias "o esforzo xa que o 82% das papeletas recibidas viñan identificadas con nome e DNI".

Agora, van trasladar á Consellería de Educación o resultado desta consulta "facendo a solicitude pertinente para que volvan a valorar a situación do noso centro respecto aos horarios e tomen as medidas axeitadas para mellorar a situación das familias", subliñan.