Unha nai e tres fillos menores obrigados a abandonar a súa vivenda na Avda. de Compostela, tras os danos sufridos no inmoble pola treboada da pasada noite
Tras anegárselle parte da vivenda e producirse importantes danos na construción, para evitar o risco que presentaba o inmoble de derrube, os moradores da vivenda- unha nai e tres fillos menores- tiveron que abandonar a casa e pasar a noite nas dependencias dos efectivos de Protección Civil da localidade.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as 23:00 horas deste xoves. Foi a esa hora cando a mesma persoa, inquilina da vivenda situada na Avenida de Compostela do Carballiño, chamou para pedir axuda.
Tras recibir o aviso, os xestores do 112 informaron da situación á Policía Local, aos bombeiros do Carballiño e aos efectivos de Protección Civil.
Dende fai anos, veciños tanto da Avda. de Compostela como da rúa Serra Martiñá veñen denunciando o probema de anegacións de baixos e sotos de edificios nesta zona do Carballiño cando se producen fortes trombas de auga como a rexistrada na noite deste pasado xoves.