Unha polbada carballiñesa de Guinness
A asociación "Amigos del pulpo Paul" programa do 3 ao 8 de agosto diferentes actividades en O Carballiño con motivo da XLVIII Festa do Pulpo. A primeira cita tiña lugar onte día 3 cun reto dun plato de “pulpo á feira” de 2,20 metros de diámetro onde se serviron 120 kilos do cefalópodo a cerca de duas mil persoas na Praza Maior de O Carballiño. Pero a iniciativa da asociación non se reducirá so a este récord, senón que se ampliará con diferentes actividades ata a cita gastronómica do vindeiro domingo 8 de agosto. O mércores dia 4 haberá xogos para nenos a partir das 7 da tarde , e ás 11 da noite o concerto de "La Acústikasesina".
O xoves día 5 concerto dun cantautor celestial a partir das 0.00 horas. O venres día 6 a partir das 18:00 horas actuación do espectáculo cabaret "Troula" e da charanga "Garrafón.com". Ademais, a partir das 21:00 horas terá lugar o festival "Octopusfest" onde se inclúe o final de Bandas do primeiro concurso "Jorigames.com" e a actuación dos grupos Buenos Aires de Portugal e Eladio y los Seres Queridos de Vigos, ambos fóra do concurso. O sábado 7 celebrarase unha cea para tódalas peñas. A venta anticipada das entradas poderase adquirir nos locais "A Botica" e "Moma" por un prezo de 15 euros. Todas as actividades terán lugar na Praza Maior, Irmás Prieto e Aquilino Sánchez. Pero a gran cita será o domingo 8 de agosto coa tan esperada Festa do Pulpo e que rematará cun espectáculo de maxia para os máis cativos. Á cita do vindeiro domingo hai que sumarlle a presenza do cónsul de Dusseldorf, Manuel Viturro, e varios dos edis de Oberhousen que confirmaron a súa asistencia á Festa do Pulpo. Pero non serán os únicos, xa que onte desde o concello alemán anunciábase a visita dos edis de Cultura e Turismo, o xerente da capitalidade cultural europea, así como o xerente do acuario Sea Life onde se atopa o cefalópodo. O alcade de O Carballiño, Carlos Montes, mostraba a súa ledicia, sinalando que "vai ser un verdadeiro reto, sobre todo tendo en conta o magnífico trato recibido durante a nosa visita á cidade de Oberhausen". Esta expedición ten como fin a posta en marcha de futuros proxectos comúns entres ambos concellos, sobre todo en materia de turismo e cultura.