Unha publicación achega probas históricas e documentais para o recoñecemento como ruta xacobea do Camiño Miñoto Ribeiro, que atravesa os concellos de Leiro, O Carballiño, Boborás e Beariz.
O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación dun traballo de investigación recollido no libro Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, no que se reúne unha ampla documentación e datos históricos que avalan este vía de comunicación entre a cidade portuguesa de Braga e Santiago de Compostela como ruta de peregrinación. “Unha achega importantísima para conseguir que sexa recoñecida de forma oficial como ruta xacobea”, destacou o vicepresidente da Deputación, César Fernández, durante a presentación do libro, na que tamén participaron o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Miñoto Ribeiro, Avelino de Francisco, e os investigadores Castor Pérez, José Ramón Estévez e Jorge Bértolo.
César Fernández transmitiu os seus parabéns aos responsables dunha publicación “que permitirá demostrar que este camiño é unha das rutas de peregrinación máis antigas que enlazaban o norte de Portugal con Compostela, o que de seguro vainos axudar a conseguir en pouco tempo esa oficialidade que perseguimos, obxectivo que seguirá a contar co total apoio da Deputación de Ourense e que suporá un antes e un despois para os concellos polos que transita esta ruta e por extensión ao resto da provincia”.
Avelino de Francisco subliñou pola súa banda o importante labor realizado pola asociación desde 2014 en torno a esta ruta, “que agora se complementa cun amplo compendio histórico que achegaremos ao traballo que a Consellería de Cultura vai realizar sobre este camiño a través dun convenio co Centro Superior de Investigacións Científicas e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento”
Castor Pérez, entre tanto, defendeu a “rigorosidade dunha investigación histórica exquisita, avaliada por institucións portuguesas e galegas, nun proxecto xacobeo apoiado polas seis cámaras portuguesas e os 17 concellos galegos por onde transita esta vía, ademais da Deputación de Ourense e o propio goberno de Portugal. Un labor “que conta non só co recoñecemento da Oficina do Peregrino de Compostela senón da propia xerarquía católica, xa que a emisión da Compostelana foi referendada en setembro polos arcebispos de Braga e Santiago”.
O libro Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro fundamenta o carácter xacobeo dunha vía que parte de Braga e atravesa as terras miñotas de Vila Verde, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Monçáo e Melgaço, entrando en Galicia por Lobios para continuar por Entrimo, Padrenda e Pontedeva nas terras do Ribeiro e do Ulla ata rematar en Compostela. No ámbito das comarcas do Ribeiro-O Carballiño, esta ruta xacobea atravesa os municipios de Cortegada, A Arnoia, Castrelo de MIño, Ribadavia, Leiro, O Carballiño, Boborás e Beariz.
A investigación recolle como esta ruta engloba tres elementos diferenciais que lle confiren un carácter específico: a natureza, o termalismo e viño. Durante séculos, o viño destas terras era transportado á cidade de Santiago polos arrieiros, compartindo ruta cos peregrinos, proliferando ao longo do camiño institucións hospitalarias e zonas de augas quentes onde os viaxeiros atopaban alivio para a súa fatiga.