Unhas "Xornadas Gastronómicas" na hostalaría local, do 3 ao 9 de Agosto, en substitución da "NON" Festa do Pulpo
As Xornadas Gastronómicas do Pulpo, que se celebrarán do 3 ao 9 de agosto, contarán coa participación de trinta e nove locais hostaleiros, dos cales vintecatro ofrecerán pulpo durante toda a semana, e quince máis o farán o sábado e o domingo, días 8 e 9. Así mesmo, o domingo 9 haberá uns vinte postos de venda de pulpo nas rúas e prazas da vila.
Este evento foi presentado hoxe, xunto co cartel, polos concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente.
Manuel Dacal dixo que o obxectivo era ofrecer a posibilidade de degustar o plato máis característico da gastronomía carballiñesa, como é o pulpo á feira, dun xeito totalmente seguro tanto para os visitantes como para os veciños, e por eso non ía haber ningún tipo de acto oficial nin concentracións de xente, senón que se trata de dinamizar o comercio e a hostalería local con todas as garantías de cumprimento da normativa polo covid 19. Así, recoméndase reservar calquera día da semana nalgún dos establecementos hostaleiros que participan nestas xornadas, para xantar e disfrutar dun tempo de lecer no Carballiño.
Manuel Dacal destacou a calidade do cartel deseñado pola carballiñesa Ari Quintas, que xa realizou os carteis da Festa do Pulpo dos dous últimos anos, e que plasma con moita beleza plástica o verdadeiro significado desta tradición e celebración gastronómica do Carballiño. Por isto, expresou o seu agradecemento.
E tamén agradeceu a colaboración das entidades e empresas patrocinadoras, como o Inorde e a Deputación Provincial de Ourense, a Xunta de Galicia, Abanca, Gadis, Aceites Abril, Estrella de Galicia, Adega Pazo Tizón, Destilería Paniagua, Cer&Ber, Aparthotel Arenteiro e Aquanatura.
Diego Fernández referiuse ao programa cultural que antecede ás xornadas gastronómicas, e que se desenvolverá durante esta fin de semana, con actividades infantís e familiares e para todo tipo de público, que terán lugar no anfiteatro da Veracruz e na Praza Maior.
Así, destacou o xoves, 30, a proxección da película de animación La Gallina Turuleca, e o xoves 6 de agosto a película Los Miserables; o venres, 31, o espectáculo infantil Voa, voa, e o festival de música folk con dous concertos de Caldo e Isidro Vidal; o sábado, 1 de agosto, actuación do pallaso Peter Punk e do Mago Teto; e o domingo, Os monicreques do Kukas e o concerto infantil de Xoán Curiel.
O concelleiro destacou o bo comportamento do público nos actos culturais que se teñen celebrado ata agora, e expresou o seu desexo de que se poda continuar na mesma línea, dinamizando a vida cultural do Carballiño cumprindo a normativa de separación e seguridade polo cornavirus.
Adxuntamos o listado dos locais hostaleiros participantes nas xornadas.