Uxío Rodríguez encabeza para o PSdeG-PSOE unha candidatura "sólida, unida e gañadora" para acadar a alcaldía de Piñor
O PSdeG-PSOE presentou a súa candidatura nas próximas eleccións do 26 de maio, que estará encabezado por Xosé Uxío Rodríguez Blanco. Unha candidatura "sólida, unida e gañadora, que quere recuperar a economía municipal en Piñor e apostar por proxectos que repercutan directamente na vida das persoas".
O candidato socialista destacou que aposta por “un concello aberto para todos e todas, que sexa participativo, que escoite á veciñanza e que estes sexan gobernados en igualdade de dereitos, primando o interese colectivo”.
O acto, celebrado no Centro Social Albarona, acudiron un cento de veciños e veciñas, ademais de militantes de diferentes puntos da comarca e a executiva provincial, que estivo representada na figura de Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense que chamou “a recuperar esta provincia do ostracismo e acabar con décadas de gobernos absolutistas da familia Baltar que só trouxeron miseria a nosa provincia”, e á que en palabras de Villarino “xa vai sendo hora de devolverlle á dignidade”.
O secretario provincial chamou tamén á veciñanza “a cambiar Piñor e a apostar por un proxecto socialista sólido, con futuro, cheo de ilusión e que ven reforzado tralos resultados conseguidos o pasado 26 de maio, pero non debemos esquecer que hai que traballar duramente para conseguir que o 28 de abril mude o concello de Piñor, a cidade de Ourense e o resto da provincia, que merece a chegada de novos tempos, de progreso e de políticas útiles para os ourensáns e as ourensás”.
Uxío Rodríguez fixo referencia ante a súa veciñanza dos cinco eixos sobre os que pilotarán as súas políticas. “A execución do PXOM, aprobado hai máis de 3 anos; os servizos sociais; pelexar pola redución do IBI; apoio obxectivo os distintos colectivos deportivos e a o fortalecemento da Vía da Prata, que circula polo noso concello, serán os nosos eixos de traballos se conseguimos o goberno de Piñor”.
O candidato tamén fixo fincapé na importancia de “saber de onde vimos, onde estamos e cal é o noso futuro. Pois non podemos esquecer que vimos dunha agrupación veciñal que cogobernou en Piñor e agora damos o paso de presentarnos polo PSdeG-PSOE para aspirar novamente o goberno”.
O candidato tamén fixo referencia a un dos motivos polo que abandonaron o goberno bipartito. “O Partido Popular negounos por escrito a situación económica do municipio e o endebedamento do mesmo”. Algo que Uxío Rodríguez di que “ tememos poida ter empeorado, dados o gasto que o goberno municipal está a realizar nos últimos meses, coa instalación de tres farois onde había un ou onde non se precisaba, ou o asfaltado mal e tarde dalgúns camiños”.
Os socialistas apostarán por unha auditoría municipal se finalmente acceden o goberno “para coñecer de primeira man a situación económica real do concello e pórlle solución”. Non se esquece Uxío Rodríguez tampouco de problemas comúns na provincia, “loitaremos para por freo ó despoboamento, para paliar a carencia de servizos, amosando respecto ós recursos naturais” e finalizou chamando a unidade “para aprobar medidas que xeren emprego, fixen poboación e axuden a que Piñor siga existindo”