Varias localidades do rural masidao pásanse á tecnoloxía LED para mellorar as iluminacións públicas
Varias localidades do rural masidao renovarán nos próximos meses a súa iluminación pública cunha primeira axuda que o Goberno de España lle acaba de conceder ó Concello de Maside.
O Goberno de España, a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) dependente do Ministerio para la Transición Ecológica, acáballe de conceder ó Concello de Maside unha subvención de 103.000 € para a renovación da iluminación pública exterior en varias zonas do municipio.
O proxecto consiste nunha actuación en máis de 300 puntos de luz existentes na que se substituirán as actuáis luminarias, de diferentes tecnoloxías convencionais, por luminarias LED, moito máis eficientes. Asemade este cambio irá acompañado da instalación de 7 cadros de mando e medida monofásicos. “Con esta actuación, afirma o rexedor municipal José Manuel Iglesias, vaise diminuír a potencia de 36,10 kW a 10,90 kW e imos conseguir un aforro enerxético estimado do 80%”.
Algunhas das localidades que recibirán esta actuación son O Mato, Bouzas, Garabás, As Quintás de Piñeiro, Canedo, San Paio, O Bolo ou A Carreira de Louredo. E para seleccionalas tivéronse en conta as diversas características das instalacións cuxa renovación permitise conseguir o maior aforro posible pois a finalidade deste proxecto é favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, un dos obxectivos básicos da Unión Europea e dos países que a constitúen.
Sinala o alcalde que o aforro enerxético sempre foi unha constante preocupación ó longo destes anos do grupo de goberno que preside, chegando a conseguirse unha minoración no gasto dos recibos de luz moi importante, “a pesar da suba tremenda da enerxía nos últimos dez anos”. E acaba engadindo que “reducións de gasto en servizos coma este, sen mermar a calidade dos mesmos, son as que nos permiten destinar máis recursos a ofrecerlles ós veciños outros servizos dende a óptica social e mellorar a súa calidade de vida”.
A alcaldía está agardando a comunicación por parte do Goberno do Estado da segunda subvención destinada ó illamento térmico e á mellora do pavillón municipal da Alameda. Conclúe José Manuel que “hoxe ten máis que lle envexar un veciño da cidade a un de Maside que ó revés”.