A veciñanza da parroquia de Seoane entrega no concello 603 sinaturas contra a reforma do PXOM
As sinaturas dos veciños e propietarios de todas as localidades da parroquia de Seoane xa están en poder dos representantes municipais, son 603, a maiores das suxestións individuais que algunhas persoas tamén presentaron ao citado PXOM.
No escrito solicitan a anulación e retirada deste novo PXOM e que isto se faga efectivo antes da celebración das próximas eleccións municipais do mes de maio.
Ademais de trasladar o seu malestar ao alcalde "como máximo responsable de que isto se puxese en marcha, tamén se fai ver que existe a posibilidade de dar marcha atrás e amosar o compromiso firme, serio e valente de anulalo antes das eleccións para, entre outras cousas, impedir a desmesurada ampliación do parque empresarial en terreos da parroquia".
Así mesmo, o colectivo que asina esta petición expresa "a necesidade de que como mínimo non se reduza a superficie de solo de núcleo rural existente no actual PXOM no caso de non ser ampliada e que se manifeste de forma clara e precisa que non se destinará nin un só metro cadrado máis a superficie industrial en terreos da parroquia de Seoane".
A veciñanza opina "en base aos fundamentos xurídicos e de racionalidade da xestión pública, que o lóxico e eficiente sería ampliar o Parque Empresarial, de ser necesario, nos terreos de solo industrial reservados polo concello veciño de Maside, lindeiro coa actual superficie na outra marxe do eixe do Ribeiro, evitando deste xeito achegarse a núcleos poboados e aproveitando as conexións e infraestruturas existentes", manifestan.
Consideran que "o novo PXOM parece máis ben un capricho, xa que non é unha necesidade prioritaria para O Carballiño, sobre todo se temos en conta que a maioría de concellos da provincia non teñen desenvolvido nin sequera o seu primeiro PXOM, rexíndose moitos a día de hoxe por normas subsidiarias. Un capricho caro, feito cos cartos de todos os contribuíntes que nin o demandaron nin o validan".
Tamén critican a tardanza do alcalde e responsables municipais para achegarse á parroquia a ofrecer explicacións. Precisamente, dende o concello deuse a coñecer a convocatoria dunha charla informativa sobre o avance do PXOM para o vindeiro dia 13 de Novembro ás oito da tarde no local social de Seoane, na que participarán alcalde, concelleiro de obras e o arquitécto municipal.