Veciños de Punxín presionan ao goberno municipal cun encerro na casa do concello
Están dispostos a seguir con esta protesta ata conseguir "un mediador" para negociar a xestión do servizo municipal de abastecemento de auga neste municipio.
No último pleno celebrado o pasado venres non conseguiron o seu obxetivo, xa que o goberno municipal do alcalde popular Manuel Vázquez acordou seguir adiante coa intención de buscar un novo xestor do servizo, tras rescindir recentemente o contrato que fora asinado con Aquagest polo anterior alcalde socialista, e que motivou dende fai maís dun ano o movemento veciñal que defende unha xestión directa do servizo por parte do concello.
Organizados arredor da "Comisión Veciñal da Auga" manteñen un "retén" permanente no salón de actos do consistorio. Defenden que a xestión pública do abastecemento de auga e saneamento abarataría o coste do servizo, que pasaría dos 98.000 euros anuais que prevé o concello aos 45.000 que calculan tería se a xestión fose enteiramente pública.