"A Vera Cruz de Antonio Palacios", do carballiñés Rafael Otero Janeiro, recibe o premio Losada Diéguez na súa XXXIX edición
O Xurado da XXXIX edición do Premio Antón Losada Diéguez, que se convoca dende os concellos de Boborás e O Carballiño cada ano e dotado con 12.000 euros, 6.000 euros por cada modalidade, reunido na casa consistorial boboronse esta maña, considerou e fallou que os gañadores desta edición fosen Rafael Otero Janeiro e Iria Morgade Válcarcel, ambos por maioría.
No caso do autor carballiñés Rafael Otero, a obra premiada na modalidade de Investigación e Ensaio é “A Vera Cruz de Antonio Palacios” editada polo Centro de Estudos Carballiñeses, na que o xurado considerou “unha creación que reflicte moitísimos anos de investigación, unha obra de síntese, divulgativa e que se centra moito nun dos mellores traballos de Antonio Palacios. Un texto moi ben escrito e pensado que valoriza a obra do arquitecto Palacios para que chegue a un público amplo”.
Na modalidade de Creación Literaria, o xurado premiou a obra “Quen escribirá a miña historia?” da pontevedresa Iria Morgade Valcárcel e da editorial Galaxia; valorando que se trata dunha obra dunha xoven creadora galega que afonda nunha historia ambientada no Mosteiro de Oia que intercala a Guerra Civil coa máis actual, cos campos de concentración como base da historia e do enigma a resolver. “
A entrega do premio será o vindeiro 15 de xuño deste ano, no Pazo de Moldes, casa natal do escritor e guieiro da Xeración Nós; Antón Losada Diéguez.