Viana do Castelo e O Carballiño inician unha etapa de intercámbeo cultural e promoción turística
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o presidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo, José María Costa, anunciaron a apertura dun proceso de colaboración entre ambas institucións para promover o intercambio cultural e potenciar o turismo, así como para aproveitar en común as potencialidades de cada poboación.
José María Costa, que acudiu á recepción ofrecida este mediodía no concello do Carballiño en compañía de varios concelleiros e concelleiras así como dun nutrido grupo de mardomas ataviadas con traxes tradicionais, expresou a súa satisfacción pola invitación e abogou por establecer unha relación persoal e institucional co alcalde e co Carballiño para colaborar en materias que redunden en beneficio das respectivas poboacións.
En concreto, citou o patrimonio histórico, a cultura e o turismo. Asemade, aproveitou para presentar a Romaría da Agonía, que é unha das celebracións festivas máis concurridas do norte de Portugal e que se celebra do 19 ao 21 de agosto en Viana. Precisamente, unha parte da comisión de festas deste evento asistiu a esta recepción.
Pola súa parte, Francisco Fumega agradeceu a acollida de que foi obxecto a delegación carballiñesa que visitou Viana no mes de xullo para presentar a Festa do Pulpo, e coincidiu co rexidor vianés en aproveitar o coñecemento e os recursos de cada poboación para colaborar na resolución de problemas e potenciar o turismo e o intercambio cultural.
Ao remate do acto ambos rexidores intercambiaron agasallos protocolarios dos seus respectivos concellos.
E a continuación, autoridades e convidados realizaron unha visita ao parque municipal, e pola tarde presenciarán o pasarrúas dos cabezudos de Viana, que animarán o desfile das Peñas da Mocidade exhibindo as súas camisetas alusivas á Festa do Pulpo.