"Vilas en Flor Galicia" recoñece a O Carballiño polos coidados e promoción dos espazos verdes públicos
O concello do Carballiño ven de recibir un galardón consistente en dúas Flores de Honra concedidas pola inciativa Vilas en Flor Galicia.
O galardón foille entregado ao alcalde polo director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Evia, e a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, no transcurso dun acto celebrado na Cidade da Cultura en Santiago. Ademáis do alcalde, Francisco Fumega, tamén acudiu a esta convocatoria a concelleira de Medio Ambiente, Rita Soto, que participou previamente nunhas xornadas técnicas organizadas por Vilas en Flor Galicia.
É o primeiro ano que o concello do Carballiño participa nesta experiencia, e por iso o alcalde agradeceu a concesión do galardón, que supón, según dixo, “un aliciente máis para seguir mellorando este recurso e contribuir a que os espazos naturais do Carballiño sexan cada vez mellores. Realmente, no Carballiño temos arredor de 500.000 metros cadrados de zonas verdes, plenamente integradas no casco urbano, e cuxo mantemento require un gran esforzo económico, así como en medios técnicos e persoal. É un recurso ao que destinamos anualmente unha parte importante do noso presuposto municipal, pero que damos por ben empregado, xa que representa un dos principais reclamos turísticos do Carballiño. Non cabe dúbida que o parque municipal e os sendeiros do río Arenteiro otórganlle ao Carballiño unha configuración urbana de singular beleza natural e medioambiental, e que, xunto cos espazos axardiñados das nosas prazas, conforman un patrimonio que debemos seguir mimando e mellorando”, dixo Fumega.
Vilas en Flor Galicia é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sustentable, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
Vilas en Flor é unha iniciativa de ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste), AGAEXAR (Asociación de empresas de xardinería de Galicia) e da Fundación Juana de Vega cuxos obxectivos son promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios de Galicia e contribuír con iso a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a súa cohesión social; mellorar a imaxe dos municipios e os seus encantos para visitantes e turistas; xerar espazos de formación, reflexión e debate ao redor da xestión sustentable dos pobos e cidades; promover os espazos verdes como punto de encontro de relacións sociais interxeracionais; e mellorar a conciencia social cara ás políticas de sustentabilidade ambiental e potenciación dos espazos verdes urbanos.