A XII Festa da Palabra estrea o "Auditorio Nós" na Insúa dos Poetas, coa celebración dunha romaxe literaria, cultural e musical.
Na celebración entregáronse os premios "Insua dos Poetas" 2020: na categoría de Literatura á profesora e escritora Pilar García Negro; na categoría de Emigración a Regina Jallas; na categoría de Acción Social á Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña; na categoría de Música a Ses; na categoría de Audiovisual ao Cineclub Carballiño; na categoría de Comunicación a Xosé Manuel Piñeiro; e o premio especial ao Traballo sociosanitario con enfermos de Covid-19 foi para as traballadoras e traballadores sanitarios da Residencia Integrada dos Milagros, Baños de Molgas.
Xunto a Manuel Baltar, presidene da Deputación, tamén interviñeron no acto o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o conselleiro de Medio Rural, José González; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, quen anunciou a figura homenaxeada o próximo ano que serán, "por acordo unánime do padroado da Fundación Insua dos Poetas, os seis poemas en lingua galega que fixo o gran poeta Federico García Lorca. Os seis poemas galegos que apareceron en 1935, na Editorial Nós, de Ánxel Casal". Neste mesmo sentido, Luís González Tosar adiantou que se asinará un convenio entre a Fundación Insua dos Poetas e a Consellería de Medio Rural para abrir un concurso de ideas para que eses textos sexan interpretados plasticamente por creadores.
O conselleiro de Cultura dixo que coa celebración da Festa da Palabra "levamos 12 anos recoñecendo o mellor de nós, a nosa lingua, a nosa cultura e tamén en certa medida a nosa forma de ser", engadindo que esta edición é "a máis necesaria e importante" desde que se fundou. Celébrase no parque natural e cultural da Insua dos Poetas, na carballiñesa parroquia de Madarnás.
Pola súa parte, o conselleiro de Medio Rural mencionou algúns dos proxectos que está a levar a cabo a súa consellería co obxectivo de recuperar o noso territorio ligado á etnografía como: as aldeas modelo, os polígonos agrogandeiros e forestais, o programa de recuperación de soutos tradicionais, "en definitiva, proxectos que pretenden desenvolver a actividade económica ligada sempre á calidade como un recoñecemento tamén da nosa galeguidade".
A celebración, á que acudiron persoeiros dos ámbitos institucionais, culturais e sociais, así como veciños da contorna da Esgueva, trasladouse tralas intervencións ao Muíño do Medio ou Muíño do Tabú para inauguralo, logo de ser rehabilitado pola Axencia de Turismo de Galicia da Consellería de Cultura e Turismo coa colaboración da Deputación de Ourense. O apartado musical estivo a cargo de "Son Trío" e, pola tarde, celebrouse unha romaría literaria amenizada polo grupo "Airiños de Caldelas" e, posteriormente, un recital poético e a actuación musical do grupo "Tor", que presentou o seu novo disco.
A Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a "Festa da Palabra" desde o ano 2009, unha cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán, na cal, ao longo destas nove edicións foron homenaxeados: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez, Víctor Campio, Antón Tovar e a revista "Nós".
Nesta XII Festa da Palabra celebrada este domingo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou "a emoción" que latexa na Insua dos Poetas a pesar da "terrible pandemia que azouta ó mundo", dixo que unha vez máis, "participamos nesta festa persoas de moi diferentes ideas e pareceres que coincidimos nun locus amoenuscoma este, nun ambiente que incita á convivencia, convocados pola palabra, arroupados pola creatividade, lonxe das miserias e preto do espírito que animou a homes e mulleres de xeracións anteriores a dar unha resposta á chamada da terra propia".
Así mesmo, o presidente do goberno provincial lembrou que o 30 de outubro de 1920, apareceu en Ourense, o "Boletín Mensual da Cultura Galega, órgano da Sociedade Galega de Publicacións NÓS", dirixido por Vicente Risco, con Xavier Prado, "Lameiro", como redactor xefe, Xulio Gallego, secretario e un equipo integrado por Ramón Cabanillas, Alfonso R. Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas.