As XOCIVIGA reconvértense nun Festival Internacional de Curtametraxes, celebraráse do 20 ao 24 de novembro.
A organización das Xociviga 2024 reformula o certame cinematográfico carballiñés e pasa a ser un Festival Internacional de Curtametraxes.
Nun acto celebrado na casa do concello do Carballiño, os responsables da Asociación Xociviga Mario Filloy e Daniel Filloy, acompañados e apoiados polo concelleiro de cultura Diego Fernández deron a coñecer as distintas sección deste Festival Internacional de Curtas que terá lugar no Carballliño entre o 20 e o 24 deste próximo mes de novembro. E que serán as seguintes:
XENTES: A competición internacional do certame, que estará formada por 4 curtas galegas (Xentes de aquí) e 18 curtas non galegas (Xentes de acolá).
Un xurado profesional entregará o premio a Mellor Curtametraxe e a Mellor Curtametraxe Galega.
XÉNESE: A competición de curtas nacionais realizadas por directores e directoras noveles menores de 30 anos. Un xurado novo entregará o premio a Mellor Curtametraxe Xénese.
VIDEOCLIPS (en liña): Competición de vídeos musicais galegos que se realizará a través das Redes Sociais. O premio darase por votación popular.
XERMOLAR: Sección non competitiva de curtas infantís de todo o mundo. Haberá proxeccións para centros de Educación Primaria e abertas ao público.
As curtas seleccionadas anunciaránse proximamente, pero xa podemos adiantar algúns datos de interese:
Houbo unha participación de cerca das 1000 curtametraxes, procedentes de 39 países distintos.
Entre as seleccionadas, haberá curtas previamente estreadas en certames de gran relevancia internacional como o Festival de Cannes (Francia), o Festival Internacional de Cine de Venecia (Italia), o Festival Internacional de Cine de Berlín (Alemaña) ou o Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia). Entre outras grandes novas, estrearemos por primeira vez en España unha das curtas da Sección Oficial do Festival de Cannes.
Teremos na nosa selección: 1 estrea mundial, 1 estrea internacional, 3 estreas en España e 20 Estreas en Galicia.
Na sección internacional fíxose unha aposta importante pola animación para adultos, con grandísimas curtas avaladas polos mencionados festivais, e que merecen na nosa opinión ser descubertas polo público das Xociviga.
Entre outras actividades aínda por anunciar, realizaránse proxeccións en colaboración cos centros de ensino, de alumnos de Educación Primaria e Secundaria dos centros carballiñeses.
As proxeccións públicas serán gratuítas no Auditorio Manuel María do Carballiño. As curtas programaranse por bloques correspondentes as seccións XENTES, XÉNESE e XERMOLAR (infantil) e haberá un voto do público, que puntuará á saída de cada sesión por curtametraxe visualizada. A Programación e horarios anunciaranse nos vindeiros días.