Xornalistas de medios extranxeiros son invitados a O Carballiño para avanzar na declaración da Festa do Pulpo como de Interese Turístico Internacional
Unha delegación de corresponsais de medios de comunicación extranxeiros visitarán O Carballiño esta semana, dentro dunha iniciativa promovida polo concello, en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, dirixida á consecución da declaración da Festa do Pulpo como Festa de Interese Turístico Internacional.
A visita terá lugar do 26 ao 28 de outubro, o xoves, venres e sábado, respectivamente, e asistirán xornalistas de revistas de turismo, radios e axencias de diversos países como Francia, Alemaña, México, Brasil, Argentina, Uruguay, Canadá e China. A delegación estará integrada por oito xornalistas.
Durante os días de estancia, os xornalistas visitarán os principais recursos monumentais e turísticos do Carballiño, como os balnearios, o templo da Veracruz e o Parque Municipal, así como o mosteiro de Oseira, por estar na orixe da introducción do pulpo nas terras do Carballiño, especialmente en Arcos.
Ademáis, recibirán información alusiva á Festa do Pulpo, e participarán nun xantar no que se ofrecerá o menú característico desta festa: empanada, pulpo á feira, carne ao caldeiro, melindres, viños e licores do Ribeiro, e queimada final. O obxectivo é que se publiquen reportaxes sobre a Festa do Pulpo do Carballiño como unha das celebracións gastronómicas máis destacadas de Galicia, e poder contribuir así á declaración da Festa do Pulpo como Festa de Interese turístico Internacional.
Dentro desta mesma iniciativa, hai dous meses, medios de comunicación especializados en turismo de México, Arxentina, Uruguay, Canadá e Estados Unidos publicaron reportaxes sobre a Festa do Pulpo do Carballiño. Para levar a cabo esta campaña, o concello conta co patrocinio da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, e de feito, a directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Mª Carmen Pita, asistirá o venres 24 ao xantar cos xornalistas.
A Festa do Pulpo cumpre prácticamente cos requisitos que se esixen para acadar a declaración de internacionalidade, pero quérese reforzar a solicitude incorporando unha serie de noticias e reportaxes publicados en medios de comunicados internacionais.